xoves, 18 de abril de 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

 

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación.

Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, que suspendeu todas as medidas do fondo agás a axuda por persoa con discapacidade.

Dende a seguinte ligazón podes descargar a proposta, e si é do teu interese, contacta coa CIG.

martes, 2 de abril de 2024

Campaña da renda 2023

 

Como todos os anos, a CIG ofrece un servizo de realización do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) aos afiliados e afiliadas.

A campaña da declaración da renda deste ano comeza o día 3 de abril (por internet), finaliza o 25 de xuño para declaracións a ingresar, e o 1 de xullo para o resto.

Para máis información, vai ao web de CIG que temos para a Renda do 2023: ligazón.

martes, 5 de marzo de 2024

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua


No DOG do 01/03/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio); corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo, e DOG núm. 148, do 4 de agosto), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «Persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

venres, 9 de febreiro de 2024

Concursos de traslados de corpos xerais e de escalas de enxeñarías, arquitectura e ciencias: para aprobación o luns 12/02/24

 

O xoves 8 de febreiro participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública (DXFP), para falar de diversos asuntos. Entre eles, os concursos de traslados de corpos xerais e o das escalas de enxeñarías, ciencias e arquitectura (A1 e A2). O luns 12 van quedar aprobados na Comisión de Persoal.

Na intervención da CIG, a primeira queixa foi polos tempos. Levamos anos a voltas cos concursos permanentes, e nin sequera temos un concurso anual. Meses en que ás nosas preguntas respostan indicando as prioridades, pero non os prazos. Prioridades que nen sequera cumpren.

De súpeto, envían os borradores dos concursos sen tempo a moita discusión. E envían a relación de prazas vacantes con só dous días para revisar e alegar. Esto é inaceptable, pois falamos de 3.500 prazas entre os dous concursos.

O DXFP afirma que aínda que se aprobe o luns, haberá marxe para revisar e alegar ás prazas, ata a publicación en DOG (segundo conta, sería unhas semanas máis adiante).

En canto ás prazas que serán ofertadas, serían todas as vacantes agás aquelas que as consellerías certifiquen que queren amortizar en futuras RPTs. A CIG reclama que se convoquen todas, pero si levan adiante a retirada de postos por propostas de amortización, sería inaceptable que se concedan comisións de servizos a tales postos.

venres, 19 de xaneiro de 2024

A Xunta non mobilizou os medios propios, con competencias ambientais, na crise dos pellets

 

Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar


Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.

En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.

xoves, 28 de decembro de 2023

Aprobada unha terceira carreira que non resolve os problemas das anteriores


Estas ordes de carreira aprobadas na Comisión de Persoal do día 22/12/2023, abren un novo prazo do sistema extraordinario para as persoas que non cumprían os requisitos de formación ou antigüedade no ano 2019 e 2022, ou que, cumprindo os requisitos non a solicitaron. Pero ollo, non o fan de xeito absoluto e deixan fora a moito persoal.

• Se es interino ou temporal con máis de 11 anos de servizos e concedéronche o grao I no 2022, non vas poder solicitar o grao II. (De feito, dos case 4.000 interinos e temporais que poden solicitar a carreira tan só 13 van poder solicitar o grao II).

• Se es funcionario de carreira ou laboral fixo con máis de 11 anos de servizos e non solicitaches o grao I no 2019 e obtivéchelo no 2022, tampouco vas poder solicitar o grao II agora.

• Se es laboral fixo que non se quixo funcionarizar e paralizáronche o cobro dos graos I e/ou II seguen esixíndoche que te funcionarices.


Propuxemos instaurar a carreira ordinaria e encaixala co sistema extraordinario aberto, permanente e automático para todo o persoal, sen exclusións e pagando os atrasos ao persoal ao que se lles negou no 2019. Pero Función Pública sigue tirando para adiante co apoio doutras organizacións, cun modelo fracasado, discriminatorio e que non executa as sentenzas. Preguntámonos, por que cada vez que a CIG pon solucións enriba da mesa eles prefiren seguir arrastrando os problemas do pasado.


xoves, 21 de decembro de 2023

Listas provisionais para a contratación temporal de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza

 

No DOG do 20/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño temporal de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, htz://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).