martes, 15 de abril de 2014

Pola convocatoria inmediata da promoción interna do persoal funcionario

A Xunta de Persoal dos SSCC vén de dirixirse ao director xeral de Función Pública no enésimo intento de desbloquear a convocatoria da promoción interna do persoal funcionario. A través dun escrito contundente comezan expresando a súa "preocupación pola excesiva demora e reiterados incumprimentos sobre as previsións para a convocatoria".

Recordan que son xa tres as Ofertas de Emprego Público acumuladas no que se refire a estas prazas: 2009, 2011 e 2012. Durante este tempo, prazas do turno libre de corpos xerais foron xa convocadas, resoltas e as persoas que superaron o proceso selectivo están xa traballando. Argumentan tamén que "utilizando o discurso imperante na Xunta de Galicia sobre a xestión dos recursos humanos propios, hai que considerar que as convocatorias de promoción interna teñen un impacto económico moito menor para a propia Administración que o que ten o desenvolvemento doutros procesos selectivos de acceso libre".


Recordan tamén que durante estes últimos anos, en diversas Mesas Xerais, o director xeral da Función Pública asegurou a súa convocatoria inminente en reiteradas ocasión sen que chegara a crumprir a súa palabra.  Cualifican esta situación, a parte de  "totalmente incomprensible", como "claramente abusiva" por parte da Administración. Din que ésta, "esgrimindo a súa capacidade de autoorganización, atrasa sine die o dereito do persoal funcionario á súa promoción profesional".

Acusan á Administración autonómica de levar estes últimos anos utilizando o empobrecemento das súas traballadoras e traballadores co obxecto de chegar a cumprir uns obxectivos de déficit e castigandonos con outro tipo de medidas que tampouco tiveron un impacto económico tanxible.

Por outra banda, denuncian o uso político oportunista que desde a Consellaría de Facenda se lle está dando aos dereitos das empregadas e empregados públicos, nomeadamente da promoción interna, "utitilizando o anuncio da súa convocatoria como man de area ante unha man de cal de recortes", ou mesmo "para lavar a cara diante  dos comicios electorais europeos".

Por todo isto, dende a Xunta de Persoal, installe a Función Pública a:
  • Que non demore por máis tempo as convocatorias de promoción interna acumuladas durante varios anos e proceda á remisión inmediata dos borradores para a negociación no ámbito correspondente.
  • Que desde a consellaría se presenten desculpas ante o conxunto das empregadas e empregados públicos polos inconvenientes causados ante as falsas espectativas das supostas convocatorias “inminentes” destes procesos.
  • Que se compromenta a xestionar o dereito á promoción profesional do persoal funcionario con dilixencia e atendendo á obriga legal, sen caer en criterios de propaganda política.

Ningún comentario:

Publicar un comentario