xoves, 23 de outubro de 2014

O perdón da Xunta a COPASA con parte das nosas nóminas

O proxecto de Lei de acompañamento dos Orzamentos para o ano 2015 leva unha disposición adicional (a quinta) ben curiosa: Articulación dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no réxime contractual da concesión de obra pública da Autovía da Costa da Morte

Pois ben, debaixo desta lousa vén un cheiro a podre:

A Xunta perdoa á construtora media Autovía da Costa da Morte


Ao final resulta que imos pagar ata 2036 un total de 745 millóns de € por algo que vale menos de 200. E iso sen ter en conta que lle acaban de perdoar 17 quilómetros de autovía á construtora (dun total de 42)... pero iso si, a empresa será compensada (aínda por determinar) polo gasto realizado e seguirá ingresando 745 millóns de € por menos traballo (toda unha xestión eficiente e racional). Que nota vai sacar na “avaliación do rendemento” a persoa responsable disto?? Ai, non, que son altos cargos e aí non hai avaliación do rendemento máis que cada 4 anos...

E por certo, a empresa á que lle perdoan o compromiso é COPASA que aparecía como donante en negro do PPdG nos informes policiais sobre os papeis de Bárcenas:


De saír adiante, isto nos convertera a todas as galegas e galegos en “accionistas forzosos” desta empresa. É curioso que ningún medio (nin sequera El País) puxera o acento en quen era a construtora para a que o PP fai unha disposición adicional a medida e o que esta construtora fixera polo PP. Igual teñen algo que ver, entre outras cousas, estes recentes convenios de “colaboración” coa prensa:


Cremos que non só resulta indignante pretender utilizar a lei co fin de perdoar os compromisos ás empresas que financiaron en negro o partido político do poder, senón que podería resultar ata constitutivo de delito de tráfico de influenzas e malversación de fondos públicos. Estamos fartos de ver que se rescatan bancos, autopistas, construtoras mentres deixan a xente na rúa e abandonada á súa sorte.


E logo, imos consentir que financien todo isto, entre outros, cos recortes nas nosas nóminas!!??

Mobilízate contra uns orzamentos que agriden os servizos públicos e o seu persoal


CONCENTRACIÓN: Luns, 27 de outubro, 11:30, diante de San Caetano (Presidencia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario