luns, 13 de outubro de 2014

Feijoo non quere poñerlle límite ao custo dos seus asesores

Nas últimas xuntanzas con representantes da Administración autonómica, a Xunta deixoulle claro á CIG que: vai manter o plus dos altos cargos, vai continuar introducindo  persoal directivo na Función Pública e se nega a poñerlle límite ao custo dos asesores políticos.

Actualmente a Xunta gasta 5,8 millóns de € ao ano en persoal eventual de Gabinete, aquel que segundo a Lei de Función Pública actual é de libre nomeamento das persoas integrantes do Consello da Xunta. Pois ben, ante a proposta austera da CIG de limitar este gasto na propia lei de función pública, a Xunta non só a rexeitou de plano, senón que decidiu eliminar da lei a súa característica de “non permanente” da relación deste persoal. Isto significa que a permanencia deste persoal nomeado a dedo para facer funcións de asesoramento político sairía reforzada.

Por outra banda, a Xunta segue sen cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas que no seu artigo 17 lle obriga a publicar nominalmente na súa páxina web as retribucións públicas percibidas polo persoal eventual, entre outros, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos. Ao día de hoxe esa lista non está dispoñible e só algunhas consellarías, e non de xeito facilmente accesible, publican as retribucións das pesoas que ocupan a xefatura do Gabinete ou de Prensa máis non o do resto de persoas colaboradoras. Ex: Facenda.

Estas tres son só unhas pinceladas do que se pretende con esta nova Lei da Función Pública: blindar a Administración autonómica para os intereses da casta, pensando nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da empresa privada sen pasar unha oposición. Para a CIG estes son claramente 3 exemplos onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos esenciais.

Por outra banda, este deseño extremadamente politizado da Administración autonómica, redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos. Nesa lei proponse a discrecionalización dos seus dereitos e unha "avaliación do rendemento" subxectiva e non profesional co obxecto de defenestrar a súa carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados políticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario