martes, 18 de novembro de 2014

Para cando a promoción interna?: interpelación directa ao director de Función Pública

Vimos de reclamarlle por escrito ao director xeral da Función Pública que se pronuncie sobre cales son as súas intencións coa promoción interna.

En xullo deste ano remitiu o director xeral da Función Pública os borradores das convocatorias das ofertas de emprego acumuladas para a promoción interna de corpos xerais. Tras isto, houbo unha primeira reunión, período de alegacións e unha segunda reunión onde as persoas representantes das catro organización sindicais se levantaron da mesa pola falta de vontade, por parte da Administración, de facer cambios nos puntos importantes. 

En setembro a CIG, tratando de desatascar o proceso, solicitou por escrito retomar as negociacións. En outubro, e nunha das mesas de negociación o director comentou a posibilidade de volver a convocar ás organizacións sindicais.

É unánime a opinión do persoal funcionario de corpos xerais dos servizos centrais que ve igualmente inxusta a 2ª proposta de borrador que achegou o director, máxime despois de 5 anos sen convocar. Porén, tamén hai moitas e moitos compañeiros, que a pesar desta inxustiza, están a gastar tempo e diñeiro na súa preparación, sen saber moi ben como vai quedar a cando se vai realizar esta convocatoria. 

A pesar de ter evidentes discrepancias no modelo da promoción interna, así como na frecuencia da convocatoria destas, cremos que o director estará de acordo connosco en que o persoal funcionario merece unha resposta, máxime cando falamos do noso dereito á promoción profesional.

A pesar de ser unha materia de negociación colectiva consonte ao artigo 37 do EBEP, a convocatoria da promoción interna, como calquera outra convocatoria dun proceso selectivo é potestade exclusiva da Dirección Xeral da Función Pública porque así llo recoñece a lei e as normas organizativas regulamentarias. Xa que logo, ten o director xeral  a última palabra do que se convoca e como se convoca.

Nós lle demandamos ao director xeral que retome as negoaciación pero visto o visto, de xeito subsidiario demandamos, que canto menos, informe ao persoal funcionario de cales son as intencións da Dirección Xeral de Función Pública para a promoción interna: se teñen prevista convocala nun tempo determinado ou indeterminado e dependendo de que condicións. Canto menos merecemos poder organizar as nosas vidas.+

Actualización: o martes, 18/11/2014, contra as 15:00h, Función Pública remitiu convocatoria de Mesa Xeral cos últimos borradores da promoción interna (os segundos) para o venres, 21/11/2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario