luns, 22 de decembro de 2014

Continúan chegando as ordes de integración do persoal dos chiringuitos

Xa ten lista a Consellaría de Economía e Industria o borrador de orde pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo procedente da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O persoal non trae a súa praza senón que se integraráen prazas vacantes da Axencia Galega de Innovación ou da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, o que suporá destrución neta de postos públicos e despedimentos. Descargar borrador

Esta foi das máis serodias. Nos vindeiros días publicaranse no DOG as ordes de integración da Axencia Humanitaria de Galicia, a Fundación Galicia Emigración e as Fundacións para o desenvolvemento comarcal. De feito na primeira quincena da xaneiro convocará unha comisión de seguimento de todas as ordes de integración. Así o anunciaba o director xeral na Comisión de Persoal do pasado venres, 19 de decembro.

Xa o comentábamos a raíz da última Mesa Xeral: só impulsan o que lles interesa. E xa lle interesaba para meter unha disposición adicional na LOFAXGA habilitando a integración deste persoal. E o demostraron tamén elaborando en tempo record un Decreto de Integración que logo tiveron que emendar por un informe en contrario do Consello Consultivo que dicía que publicidade si pero en diario oficial. A última capa de pintura deullo recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que di que, tamén para as contratacións anteriores ao 1996, toda persoa integrable ten que ter superado un proceso selectivo que garanta os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Que menos...

Cumpría dar sensación de "austeridade" e cargarse chiringuitos; o problema era qué facer co persoal e quen ía seguir realizando eses traballos porque o de chamar polas listas da Xunta nunca o consideraron unha opción. Con carácter xeral subrrogaron a todo persoal de canto chiringuito foron extinguindo e agora fan uns procesos de integración que dan un pouco a risa comparado por exemplo coa promoción interna da Xunta.

De momento o persoal laboral fixo dos entes que demostre ter pasado un proceso selectivo que cumpra os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade convertirase en persoal laboral da Xunta, sen entrar no fondo de se son homologables ou non aos procesos selectivos que corresponden para o grupo e categoría da Xunta. E finalmente, supoñemos que todo este proceso culminará coa famosa funcionarización que anunciou Feijóo (de novo).

A CIG votou en contra, tanto da LOFAXGA como do Decreto de Integración e levou ao xulgado con este decreto.  Na editorial deste Boletín tedes máis información sobre a nosa postura.



Ningún comentario:

Publicar un comentario