venres, 12 de decembro de 2014

Solicitan a destitución do director do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña

Desde o Comité de Empresa da Coruña da Consellería de Traballo e Benestar, por acordo do Pleno celebrado o día 26 de novembro de 2014, esixen o cesamento inmediato do Director do CAPD A CORUÑA, Constantino Modesto Piñeiro Cajete, das súas funcións como tal.

Os motivos son múltiples e variados, tendo como consecuencia das súas accións e/ou omisións o descontento xeralizado da plantilla, a posta en perigos innecesarios tanto ós/ás traballadores/as, como ós/ás usuarios do CAPD A CORUÑA (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade A Coruña), do Colexio de Educación Especial MARÍA MARIÑO, do Centro de Cualificacións Profesionais, de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral de A Coruña) e todas aquelas persoas que, por un motivo ou outro, acceden ás instalacións.


A súa incompetencia é manifesta, ó non ser quen (ou non querer) crear un clima de traballo adecuado para presta-lo servizo de calidade que se lle demanda a calquera servizo público. A organización do traballo xenérica e específica de cada departamento é caótica debido á falta de coordinación e supervisión dos responsables de cada un deles, creándose situacións que incumpren calquera criterio mínimo de organización eficaz e eficiente.

Constantino Piñeiro Cajete non é capaz de crear canles de comunicación nos que os traballadores transmitan a súa experiencia práctica e o seu coñecemento da realidade do centro coa finalidade que os responsables dos distintos departamentos poidan organizar e prioriza-las áreas de traballo. Ben ó contrario, o obscurantismo é total, tanto nos temas cotidianos como en situacións excepcionais e graves como a caída da rampla hai breves datas ou os problemas que ocasionan no desenvolvemento do traballo diario de avarías que nos últimos tempos se están a producir ou os efectos dos reiterados temporais do inverno pasado.

O Director do CAPD A CORUÑA, lonxe de cumplir e facer cumpli-la lexislación vixente en materia de dereitos e obrigas dos/as traballadores/as, prevención de riscos laborais, conciliación da vida familiar e laboral, fai caso omiso e incluso incumple mandatos de organismos da XUNTA DE GALICIA, como é no caso do informe emitido polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

O clima que se respira no CAPD A CORUÑA é máis propio dunha ditadura medieval onde Constantino Piñeiro Cajete implementou un sistema de “castas” entre os/as traballadores/as onde algún son os parias e outros os señores feudais. Onde se fai a vista gorda cos horarios dalgúns e se fai “recupéralo tempo” a outros, fóra da súa xornada laboral. Un réxime onde exerce de Rei Supremo coa súa corte de Nobles, e todo isto coa connivencia da Xefa Territorial Pilar Caridad Alonso.

Como consecuencia, os/as traballadores/as viven nun clima onde son ninguneados, onde traballan a cegas, sen responsables que lles digan as pautas a seguir tanto no traballo diario como en situación excepcionais, onde non se conta coa súa experiencia e coñecemento directo relativo ó seu traballo, onde o sistema de concesión de días de asuntos particulares por exemplo é totalmente opaco e incompatible coa conciliación laboral e familiar.


Por todo o anteriormente exposto, o Comité de Empresa da Coruña da Consellería de Traballo e Benestar ESIXE O CESE INMEDIATO DE CONSTANTINO PIÑEIRO CAJETE COMO DIRECTOR DO CAPD A CORUÑA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario