venres, 20 de febreiro de 2015

A CIG chama a participar nas concentracións contra a reforma expréss do aborto

O Goberno do Partido Popular materializou o abandono do proxecto de reforma integral da Lei do Aborto poñendo en marcha de xeito apresurado, a través dunha proposición de lei orgánica, o cambio dun único artigo, o referido ao permiso paterno para as mulleres de entre 16 e 18 anos, obrigándoas a ter o consentimento da/os proxenitoras/es.

Logo de anunciar o pasado setembro que aparcaba o proxecto de reforma integral co que pretendía mudar o modelo de lei de prazos por unha lei de supostos restritivos -e que lle custou a dimisión a Alberto Ruiz-Gallardón como ministro de Xustiza-, o PP optou por non abordar o cambio normativo no marco dunha lei ordinaria de axuda á familia, tal e como tiña anunciado, senón a través dunha proposición de lei orgánica presentada polo grupo parlamentar popular no Congreso.

Deste xeito, explica a Secretaria da Muller, Margarida Corral, o PP axiliza os trámites de informes de distintas institucións, para que poida estar en vigor en abril. O texto da proposición tan só contén dous artigos: o que elimina a alusión que permite o aborto sen consentimento de menores de idade maiores de 16 anos e un novo na lei de autonomía da/o doente para facer obrigatoria a autorización.

Ademais, lembra que a lei vixente está pendente de que o Tribunal Constitucional falle o recurso que presentou o PP hai preto de 5 anos, cando estaba na oposición.

Sen necesidade de consentimento noutras situacións

Para Corral, o recente anuncio por parte do Goberno do Partido Popular “é un ataque aos dereitos das mulleres máis novas, unha reforma electoralista e ideolóxica, por parte de quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos”. Xunto a isto denuncia que a reforma pode supoñer que as mozas en situacións de vulnerabilidade teñan que optar pola clandestinidade, coas consecuencias que isto pode carrexar para a súa saúde.

Nestes senso, a Secretaria de Muller da CIG considera que non deixa de ser curioso que se desposúa ás mozas da capacidade de decidir sobre os seus corpos, que se lles suprima a posibilidade de que poidan prestar o consentimento a que lles practiquen un aborto, cando non o requiren do consentimento de nais e pais para outro tipo de situacións:

• Poden manter relacións sexuais a partires dos 13 anos.

• Teñen responsabilidade penal desde os 14 anos.

• Poden facer testamento desde os 14 anos.

• Poden contraer matrimonio se están emancipadas desde os 14 anos (con dispensa do/a xuíz/a).

• Poden conducir un ciclomotor a partires dos 15.

• Deciden se queren someterse a operacións cirúrxicas e a tratamentos médicos ou farmacolóxicos agresivos a partires dos 16 anos.

• Poden traballar a partires dos 16 anos.

• Poden mercar fármacos sen receita a partires dos 16 anos (e tamén a pílula poscoital).

Dende a Secretaría Confederal das Mulleres da CIG consideran que non se pode permitir outro ataque máis do Partido Popular, quen segue a facer concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres. En palabras de Margarida Corral, “as mulleres temos dereito a decidir sobre a nosa sexualidade, sobre os nosos corpos, e sobre a nosa maternidade, con independencia de cal sexa a nosa idade”.

Mobilizacións o luns 23 de febreiro

Por iso, a CIG fai un chamamento a toda a cidadanía galega a tomar as rúas o vindeiro luns, 23 de febreiro, ás 20 horas, na demanda dun aborto libre e gratuíto, sen exclusións para todas as mulleres, participando nas mobilizacións convocadas en distintas comarcas do país pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a central sindical forma parte.

Horarios e lugares das mobilizacións:

- Compostela: Ás 20 horas diante da sede do PP

- Ferrol: Ás 20 horas diante da sede do PP

- A Coruña: Ás 20 horas diante da sede do PP

- Vigo: ás 20 horas na Farola de Urzaiz

- Ourense: Ás 20 horas diante da sede do PP

-Pontevedra: Ás 20 horas diante da sede do PP provincial

Ningún comentario:

Publicar un comentario