venres, 6 de febreiro de 2015

A Lei de medidas segue aí pese ao crecemento económico mal repartido

O xoves, 5 de febreiro, difundían os medios a previsión de aumento de crecemento económico para o Estado Español nun 2,3% en 2015 e nun 2,5% en 2016 (datos PIB). Non son tan optimistas nos datos da débeda pública nin do déficit, pero claro, veñen anos eleitorais e "hai que gastar" ata en vídeos musicais de Enrique Iglesias, que despois xa virán de novo os recortes en tratamentos farmacéuticos.

Xa non imos discutir nós estes datos macroeconómicos, que outras persoas da corda liberal se encargan xa de argumentar que están sobrestimados. Tampouco imos discutir que este crecemento non está repartido pois ata organizacións tan radicais como CáritasOxfam Intermon ou EAPN demostrano nos seus informes. O que imos centranos é na pouca palabra do Goberno galego para co persoal da Administración autonómica.

Na Disposición Derradeira da LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia establecíase unha cláusula de revisión que contemplaba que "as medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos". Entre as ditas medidas estaba a suspensión do fondo de acción social, a diminución das retribucións en caso de baixa por enfermidade, o recorte de días de asuntos propios e vacacións, a supresión do descanso en domingos e festivos.

Cumpríronse dous anos en marzo do ano pasado, os datos macroeconómicos que anuncian sosteñen que evolucionan favorablemente e nin sequera admiten sentarse a "revisar" nin unha soa desas medidas, comezando polas máis inxustas de pagar por enfermar ou limitar o descanso do persoal que traballa domingos e festivos. O que deducimos desto é que: ou minten agora cando falan da recuperación económica ou mentiron antes cando falaron de revisar as medidas cando houbese recuperación económica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario