venres, 20 de marzo de 2015

A Xunta presume de resultados de débeda pero manten a lei de medidas

Demandamos a súa retirada imediata e a implantación doutra lei que tome medidas sobre os gastos que ocasiona a corrupción e as privatizacións.

Recentemente o Goberno da Xunta sacaba peito de que eramos "a comunidade que menos elevou o seu endebedamento no 2014". A principios de ano, e antes da súa marcha para Vigo, a Conselleira de Facenda anunciaba a previsión de crecemento para o noso país no 2015 nun 2%.

Cada vez que vemos os anuncios de datos positivos para estes dous indicadores macroeconómicos non pode menos que fervernos o sangue por dous motivos: 1) que a macroeconomía vaia mellor non supón o freo á desigualdade e pobreza que viven día a día a maioría da poboación e 2) (no eido máis noso) mentíronos descaradamente coa lei de medidas que dicían era "temporal" mentres estes indicadores non melloraran.

A comezos do ano pasado cumpríronse os dous anos dos que falaba a disposición derradeira única da lei para a súa "revisión" e coincidía tamén co anuncio a bombo e prato por parte da Xunta do ilusorio incio da recuperación económica.
As medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos.
Esta lei implantou diversos recortes que buscaban o aforro no orzamento de persoal en cuestións tan inxustas e regresivas como o imposto por enfermar ou a restricción de descansos de domingos e festivos para o persoal que traballa a quendas. A Xunta foi a Administración que antes e máis duramente implantou este tipo de recortes que centran o aforro das Administracións exclusivamente no persoal público e non en pórlle freo ao custo da corrupción e dos sobreprezos das privatizacións.

Pois ben, recollendo as verbas do director xeral da Función Pública de que "agora que a crise vai remitindo..." consideramos que é hora de retirar estas medidas que nunca deberon ter implantado e que se mostraron estériles para atallar os efectos da crise sobre as persoas máis vulenerables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario