xoves, 12 de marzo de 2015

Por un puñado de votos: emendas do PP á súa propia lei de emprego público

A comezos desta semana anunciaba o PP en rolda de prensa no Parlamento galego diversas emendas ao texto do proxecto de lei de emprego público presentado tan só uns meses antes por Feijoo. 

 

A medida estrela é a ampliación de 16 a 18 semanas para o permiso de maternidade a traballadoras públicas que se rixan por esta lei.


Todo avance en medidas de conciliación que nos achegue aos estándares europeos é positivo, desde logo, e máis nun país envellecido coma o noso. Quizáis esas medidas cheguen xa un pouco tarde e máis nun colectivo castigado polas sucesivas taxas de reposición 0 ou próximas a cero que fixeron mella no seu avellentamento progresivo. Mellor sería mesmo que convenceran á patronal, xa que se levan tan ben, da necesidade de ampliación deste permiso para todo o colectivo de mulleres traballadoras e non só no ámbito da función pública galega.

O que xa non resulta tan positivo é utilizar estas medidas para sacarlle rédito eleitoral ou ter que enterarnos destas melloras pola prensa ou  polos familiares e amigos que nos din "ou sexa que agora, ademais, ides ter 2 semanas máis de permiso por maternidade?". A que vén meter agora estas modificacións cando o partido que as promove é o mesmo que promoveu a lei orixinal no Goberno? Di o PP que durante estas semanas se reuniron con "moitos colectivos" e de aí sairon estas modificacións. Pero de qué colectivos fala!? Cando se negociou o proxecto de lei cos sindicatos fixeron oídos xordos a calquera mellora neste eido que lle presentou a CIG precisamente na ampliación nas semanas de maternidade, entre outras medidas que presentamos en temas de conciliación da vida familiar e laboral, e non nos fixeron nin caso.

Na rolda de prensa que deron este luns Paula Prado (sí, a amiga "de los regalos de la hostia" que hai que ter jeta para seguir no Parlamento) e Pedro Puy avanzaron as seguintes emendas dun total de 37. Obviamente todas as que anunciaron son positivas para o conxunto de empregados e empregadas públicas galegas, outra cousa é que sexan realmente unha novidade, o impacto que teñan, que abusen demasiado dos prazos para a súa implementación ou que non vaian ao meollo da lei e ao que máis preocupa ao persoal público e máis debería preocupar ao conxunto da cidadanía: a posta ao servizo de intereses privados do sector público galego mediante a perda de independencia das empregadas e empregados públicos.

- Ampliación de 16 a 18 semanas a baixa por maternidade de xeito progresivo (17 a partir de 2016 e 18 a partir de 2017).
- Permiso retribuído para asistir a técnicas de fecundación asistida amplíase a centros privados.
- Puntuación dos permisos de paternidade e maternidade durante os últimos 5 anos para os procesos de promoción interna (esto xa se viña facendo).
- Salas de repouso e lactación (xa o recolle a lei de igualdade pero non estaba implantado en ningún centro da Xunta a pesar de que nos Servizos Centrais a Xunta de Persoal solicitounas, sen éxito, reiteradas veces).
- Mellora dos permisos de lactancia en parto múltiple (anuncian que se multiplicara polo número de lactantes cando eso é o que se fai actualmente como recolle a lei actual ao falar de "proporcionalidade")

A parte destas emendas en materia de igualdade, destacaron tamén a medida estrela en ámbito retributivo: recoller o famoso cronograma de devolución da paga extra de Nadal de 2012 e a recuperación do complemento específico nas extras. Obviamente nada destacou de que todo dependerá das "dispoñibilidades orzamentarias", ou sexa, de como se dea a lei de orzamentos de cada ano.

Gustaríanos saber cantas baixas de maternidade se xestionaron na Xunta nos últimos anos exactamente e cantos permisos de asistencia a técnicas de fecundación asistida. Só se clarexaran estes datos podíamos coñecer con obxectividade o alcance de tales medidas. A realidade é que o cadro de persoal público da Administración da Xunta está moi envelledido (a idade media nos servizos centrais da Xunta ronda os 50 anos). Algúns compañeiros, medio en broma, xa nos din que o que toca pedir agora é o "permiso de avó/avoa" que é o máis habitual nos centros de traballo da Xunta.

De novo, continúa a cutre-política deste Goberno, e do partido co sustenta, para coas empregadas e empregados públicos. E non só o decimos nós, senón que o volve a recoñecer a Voz de Galicia tratando estas emendas de "guiño eleitoral". Continúan a tratarnos de estúpid@s e continúan a tratar de estúpida ao resto da cidadanía cando o perxudicial do núcleo desta lei segue aí.  E levantan agora este circo mediático precisamente polo de sempre: por un puñado de votos. Iso si, co mínimo esforzo.

Descargar a totalidade de emendas parciais presentadas polos diferentes grupos parlamentares

1 comentario:

  1. Agora veñen co chocolate do loro; pois en catro anos non se acordaron da maternidade.
    E o de Paula Prado xa é para facerse o Harakiri, tiña que estar en Teixeiro e non no Parlamento.

    ResponderEliminar