mércores, 1 de abril de 2015

Consulta do borrador do IRPF 2014 para o persoal da Xunta de Galiza

A consulta do borrador poderase facer a partir do 07/04/2015 ata o 30/06/2015

Como xa vén sendo habitual, Facenda comunica que xa está dispoñible a través da Oficina Virtual do Empregado Público (OEVP) a consulta telemática anticipada do borrador do IRPF 2014 para o persoal da Xunta de Galiza.

Cando a AEAT careza da información necesaria para a elaboración do borrador de declaración visualizaranse os datos fiscais dispoñibles do exercicio que poidan facilitar ao consultante a confección da declaración do Imposto.

Para a consulta do borrador a través desta vía non é preciso certificado dixital (aínda que valería co que se atopa na tarxeta azul de empregado público) senón que chega co nome de usuario e contrasinal da OVEP. A vantaxe de empregar este sistema consiste exclusivamente en que se anticipa a dispoñibilidade do borrador do IRPF ou dos datos fiscais, o que permitirá anticipar a presentación da declaración (confirmando ou modificando o borrador) e, no seu caso, anticipar a solicitude de devolución.

A única consecuencia que se deriva do emprego deste sistema de consulta consiste en que unha vez que se acceda ao borrador, a AEAT considerará comunicado o devandito borrador (ou datos fiscais) polo que non o remitirá en formato papel por correo ordinario ao domicilio do contribuínte.

Hai que deixar claro que este acceso anticipado só permite a consulta e non a modificación e/ou confirmación do borrador que terá que facerse polos cauces habituais e prazos ordinarios.

A confirmación do borrador de declaración poderá efectuarse, calquera que sexa o seu resultado, a ingresar, a devolver ou negativo, a partir do día 7 de abril sempre que se realice por vía telemática ou telefónica. Se se efectúa por outra vía, o prazo empeza o día 11 de maio.



Ningún comentario:

Publicar un comentario