venres, 12 de xuño de 2015

Comunicado da Xunta de Persoal con respecto aos novos borradores da promoción interna

Despois de examinar os borradores das convocatorias da promoción interna de persoal funcionario, tras a nosa conversa co Presidente da Xunta, queremos manifestar que estes borradores non responden ao que lle demandaba este órgano de representación.

Estabamos pedíndolle que negociaran o modelo da fase de oposición pero non sobre a base de empeorar o que xa había, como sucede nos subgrupos A1 e A2 que vén a propoñer un primeiro exame sobre temas e non sobre textos legais, coa problemática que isto supón dado que non hai un temario vinculante publicado en ningures. Nin manter o endurecemento das probas para o acceso ao grupo C2, aos que se lle engaden nove temas fronte ás convocatorias anteriores.

Os temarios abertos non supoñen “seleccionar aos mellores” nin mellores profesionais como dixo ao Presidente da Xunta, aproveitando coma sempre para menosprezar  aos empregadas e empegados públicos  de xeito subliminal. O único que supoñen é maior inseguridade xurídica e máis posibilidades de impugnación de preguntas, nuns xa tristemente célebres exames de oposicións na Xunta caracterizados polo elevado número de irregularidades e anulacións.

En calquera caso, a promoción interna debe negociarse coa representanción dos empregados públicos, baixo unhas premisas de obxectividade e transparencia e sen volver a esixir coñecementos esixidos no grupo ou subgrupo de procedencia.

Ademais, compre destacar que a Lei de emprego público permite, consonte ao seu artigo 80, reducir non só temario senón tamén o número de probas. Non convén poñer impedimentos á negociación alí onde a lei non o fai.

Todo isto, sen prexuízo, de seguir demandando que o dereito á promoción interna sexa un dereito real, non unha figura que se utilice de xeito electoralista, e que permita desenvolver unha verdadeira carreira profesional, convocada de xeito regular, frecuente e sen continuos e radicais viraxes nos modelos das convocatorias.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2015
Xunta de Persoal dos Servizos Centrais

Ningún comentario:

Publicar un comentario