mércores, 3 de xuño de 2015

Continúa a burla da Xunta ao seu persoal coa promoción interna

Con tan só 48h de antelación convoca a Dirección Xeral de Función Pública unha Comisión de Persoal Ordinaria na que só van as convocatorias de promoción interna dos corpos xerais de persoal funcionario. Non cambian nada respecto dos últimos borradores, achegados a principios de maio.

A Comisión de Persoal, na que previsiblemente a Administración aprobará estas convocatorias cos votos en contra das 4 organizacións sindicais, terá lugar ás 13:30 na EGAP. Tras este paso só resta a súa publicación no DOG que sería na vindeira ou vindeiras semanas.


Vai dúas semanas CIG, CCOO, UGT e CSIF presentaban un comunicado conxunto dirixido ao conselleiro de Facenda e ao presidente da Xunta que foi refrendado polas 5 Xuntas de Persoal da Xunta de Galiza. Nese comunicado pedíase unha promoción interna real e non un castigo á condición de persoal funcionario. Entre outros, instábase á Xunta a negociar pero sobre todos os termos (número de probas incluído) e non só sobre os temas, como permite a lei de emprego público. 

Para maior burla, nos borradores das convocatorias de acceso libre aos corpos xerais que están enriba da mesa (reunión para ver alegacións dos sindicatos o 8 de xuño), reservan un 33% das prazas de A1 e A2 para promoción interna sen que haxa ningún tipo de reducción de temarios nin probas.

No caso das convocatorias de promoción interna separada, a resposta da Xunta foi convocar a Comisión de Persoal onde pretenden aprobalas tal e como mandaron os borradores a principio de maio. En resumidas contas, responden que se pasan polo forro o que digan os sindicatos e que os dereitos do seu persoal funcionario xa os administra ela como lle dea a gana. Pois ben, alegrámonos de que tanta prepotencia estea xa pasándolles factura nas institucións.

A promoción profesional na Xunta por criterios obxectivos non é real; non é real porque é extremadamente lenta e anecdótica e cando se convoca algo, o nivel de esixencia é desproporcionadamente maior respecto ao acceso libre. Un traballador ou traballadora pública que entre nun grupo ou corpo inferior e queira chegar por promoción interna ao grupo ou corpo máis alto, vai ter que armarse de paciencia, examinarse repetidamente do mesmo e facer 4 veces máis número de exercicios que se fose directamente por acceso libre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario