xoves, 27 de agosto de 2015

Traballo e Benestar contrata a traballadoras/es en quendas de fin de semana ou mesmo por só unha hora ao día

NOTA DA CIG-AUTONÓMICA OURENSE

Asistimos abraiados as declaracións da Conselleira de Traballo e Benestar onde manifesta que non entende as protestas dos sindicatos, cando o seu departamento só cumpre a Lei.

Pois ben, dende a CIG imos intentar explicarlle o que é facer leis a medida dos intereses espurios do Goberno, ou o que é o mesmo, utilizar os poderes públicos para non cumprir os pactos acadados.

No ano 2008 a CIG asina, xunto coa Xunta de Galiza, o V Convenio Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia, onde se recolle entre outras cousas algo tan básico como é a compensación de un 0,75% por cada domingo ou festivo traballado, a libranza de dous días a semana ou que un domingo traballado inhabilita a traballar o seguinte, e dicir, dereitos básicos que calquera traballador/a de calquera empresa ten conseguidos a través da negociación colectiva.

A Xunta de Galicia, a través da LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito unilateral e sen ningún tipo de negociación, eliminan o Convenio Colectivo (algo inaudito nas relacións laborais) e, entre outras cousas, eliminan a compensación dos domingos e festivos, é dicir, para unha traballadora ou traballador da Xunta de Galiza é igual traballar un luns ou un martes que traballar o día 25 de xullo ou o día 1 de xaneiro ou calquera domingo (nin compensa con tempo de descanso nin se abona ningún diñeiro) coa agravante de que empregados públicos da mesma Xunta de Galiza si teñen esa compensación (empregados/as do SERGAS se lles compensa por traballar en domingos e festivos).

Non contentos con estas medidas unilaterais, a Xunta de Galiza a través da Lei de Orzamentos dos últimos anos, seguen a eliminarnos máis DEREITOS FUNDAMENTAIS quitándonos o dereito a descansar dous días seguidos, o que provoca que teñamos quendas de traballo de ata 9 días seguidos e que traballemos 3 fins de semana ao mes. 

Para paliar isto a Xunta de Galiza o único que se lle ocorre é contratar a traballadoras/es en quendas de fin de semana ou por incluso unha hora ao día. A Conselleríade Traballo e Benestar (incompatible o nome coa súa política de emprego) o único que sabe dicir é que se axusta á Lei. O único que ten que facer a Conselleira Beatriz Mato é dimitir por incompetencia.

Dende a CIG esixímoslle ao Presidente Feijoo o cese inmediato da Conselleira Beatriz Mato, xa que estamos convencidos de que non vai a dimitir por propia vontade e ten máis que demostrada a súa incapacidade para xestionar o persoal ao seu cargo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario