xoves, 27 de agosto de 2015

28 agosto: Mobilización do persoal de incendios desde o Monte do Gozo á Praza do Obradoiro pasando por San Caetano

 NOTA DE CIG, CCOO, UGT e CSIF

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, con representación nos comités de empresa da Consellería do Medio Rural e do Mar, convocan unha marcha para o día 28 de agosto, con saída ás 10:00 h. desde o Monte do Gozo e con chegada ás 11:30 h. á Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela onde realizaremos unha concentración de traballadores/as.

O motivo desta marcha e posterior concentración é a de, lembrar ós compañeiros falecidos na loita contra os incendios forestais, demandar mellores equipamentos de protección, denunciar a falta de seguridade no traballo e poñer enriba da mesa, de novo,  a nosa esixencia de que a Consellería abra unha mesa de diálogo na que abordar unha serie de puntos básicos:

  • Defensa dun Servizo Público Único e profesional, de vixilancia, prevención, divulgación, investigación e extinción de incendios.
  • Convocatoria dunha Oferta Pública de Emprego e cobertura de vacantes que poña fin a mais do 50% de interinidade do persoal.
  • Recoñecemento da Categoría de Bombeiros Forestais.
En consecuencia:

¡¡Animamos a todos os traballadores/as do SPDCIF, a participar neste acto uniformados¡¡

A marcha desde o monte do Gozo, abrirana os traballadores/as que acudan totalmente uniformados, en dúas filas , tralas que irán o resto dos participantes.

O percorrido será: as 10:00 horas, saida do Monte do Gozo, pasaremos por diante da Dirección Xeral de Montes (en San Lázaro) onde faremos unha parada, continuaremos ata San Caetano, con parada diante da Consellería de Medio Rural e do Mar, baixaremos por Basquiños e entraremos pola Porta do Camiño cara a praza do Obradoiro. A chegada está prevista para 11:30 horas.

Unha vez na Praza do Obradoiro, gardaremos un minuto de silencio en lembranza dos compañeiros que deron a súa vida na loita contra os incendios forestais, tralo cal, realizaremos a concentración na que denunciaremos publicamente a situación pola que esta a atravesar o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Ningún comentario:

Publicar un comentario