xoves, 6 de agosto de 2015

Publícase a nova instrución para a aplicación dos complementos de incapacidade temporal

Desde o 5 de agosto están publicadas na páxina web de Función Pública as novas instrucións de desconto na nómina por baixa médica. Accede ás novas instrucións


O que nos venderon como unha medida temporal acabaron implantándoo na Lei de Emprego Público de xeito definitivo: pagar por enfermar. Se desconfían que pode haber baixas mal concedidas, que melloren o funcionamento da inspección médica. Por outro lado, estas instrucións deixan fóra cuestións de pura lóxica como que ir a traballar con enfermidades contaxiosas é un risco para a cidadanía e o resto de compañeir@s.

Noutras Administracións, e con peores datos de déficit deixaban fóra cuestións como as anteriores ou as que impedían a mobilidade, aínda que non implicases hospitalización ou cirurxía. Se queren aforrar, que busquen outras moitas partidas. Queremos o complemento por incapacidade temporal ata o 100% das retribucións en todos os casos.

O texto definitivo quedou aprobado na Comisión de Persoal do 4 de agosto co voto a favor das persoas representantes da Administración e o voto en contra de todas as organizacións sindicais. Basicamente o texto é unha adaptación das novidades da Lei de emprego público respecto do recorte que establecía xa a lei de medidas. Certo é que "suavizaron" o impacto do que tiñamos no 2012 xa que agora descontan sempre o 50% os tres pirmeiros días de baixa (antes era un 50% a primeira baixa, un 60% a segunda e o 100% as restantes). Por outro lado, engaden a situación de "enfermidade grave" como excepción do desconto no caso de continxencias comúns.

Un punto non exento de polémica radica no listado taxado de enfermidades graves que non conlevan desconto. Este listado está referido a unha norma  (RD 1148/2011) que se utiliza para o subsidio da Seguridade Social a persoas traballadoras que collan licenza para atender ao cuidado das súas crianzas cando estas teñan unha situación de "enfermidade grave". O propio listado non abarca a totalidade do que se pode entender por enfermidade grave polo que se amplía esto a outras enfermidades graves con informe médico pero sempre referidas ao dito Real Decreto.

A Administración di que vai todo o lonxe que lle deixa a nova lei de emprego público, sen ter en conta que foi ela a que impulsou a medida do recorte por efermidade con carácter definitivo como proxecto de lei e tendo en conta ademais que, cunha maioría absoluta no Parlamento que respalda a esta Administración, non hai unha separación efectiva e real de poderes.

Como decíamos, deixan fóra determinadas enfermidades que segundo o posto de traballo pode resultar imposible acudir por moito esforzo que queiramos facer, ou ben, que aínda acudindo disminúa de xeito efectivo a nosa produtividade, supoñendo ademais un risco para a cidadanía ou resto de compañeiras e compañeiros. Imaxinemos por exemplo un conductor cunha perna escaoiolada ou tomando medicamentos para unha gripe que diminúen a súa capacidade para conducir; non se trata de cuestións "graves" pero si, cuestíóns invalidadentes, e alleas a nosa vontade, para desenvolver correctamente e sen riscos as nosas tarefas profesionais. 

Para quen poida acudir ao seu posto de traballo sen propio risco, non é de estrañar xa que vexamos polos corredores de edificios administrativos cada vez máis persoas en pésimas condicións para traballar facendo mero acto de presenza no seu centro para os sós efectos de non perder uns cartos aos que as familias traballadoras non estamos en disposición de renunciar, por moito 1% de recuperación salarial... Despois, como saia o traballo deses días ou á xente que contaxiemos xa é outra historia.

Falan de "control do absentismo" e de "aforro" para apoiar esta medida, a pesar da "recuperación económica", quenes detentan privilexios e cobran salarios cos que chegan non só a fin de mes, senón a fin de ano, quenes defenden ou miran para outro lado cando os seus compañeiros e compañeiras de partido rouban a mans cheas. Se queren eficiencia e racionalización do gasto hai moitos sitios máis efectivos polos que comezar antes de polo complemento de IT. Para controlar o absentismo e as baixas médicas hai outros sistemas ademais da medida do "castigo preventivo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario