xoves, 10 de setembro de 2015

E os tractores tomaron San Caetano

A Xunta de Galiza permanece rodeada polos tractores e entre as accións desenvolvidas na xornada do mércores houbo unha incautación de leite

O edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, amencía este mércores –terceira xornada de tractorada- completamente rodeado de tractores. Alí acordaran deixalos na noite anterior os produtores, como medida de presión durante a entrevista que esta mañá mantiñan os seus representantes co presidente da Xunta. Unha xuntanza na que, tras tres horas, o único que se sacou en claro, alén da manifestación de solidariedade coas súas reivindicacións, é que a Xunta limitarase a actuar dentro da legalidade. Esa que está precisamente a provocar a situación de afogamento do sector.

Galería de imaxes

Así as cousas este xoves, coincidindo coa cuarta xornada de tractorada en Compostela, está convocada unha manifestación –á que a CIG chama a apoiar- que sairá ás 12:00 da Alameda, para percorrer as rúas da capital de Galiza. Unha rúas que continúan con múltiples cortes por vías como a Avenida de Lugo, o periférico ou o túnel do Hórreo, con colapsos de tráfico nas entradas e saídas da cidade e con non poucos problemas para circular polo seu interior.

Co todo, a maioría das e dos composteláns aceptan con mostras de solidariedade esta situación e é doado ver como aplauden ao seu paso aos tractores que se dirixen dun punto a outro da cidade. Unha solidariedade que expresou tamén a Xunta de Persoal Funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, que fixo, xa o luns, un chamamento a todas e todos os empregados públicos, nomeadamente a quen traballan en Compostela “para que se apoie solidariamente todas e cada unha das accións” que se desenvolvan “en defensa dun sector tan importante para o noso país como é o da produción de leite, na mobilización impulsada pola Plataforma en defensa do sector lácteo”.

Incatuado de leite

Alén de rodear o edificio da Xunta de Galiza en San Caetano, unha das principais accións que levaron a cabo nesta xornada foi a incautación de leite Reny Picot dun camión que se dirixía ao centro loxístico de DIA, outra das cadeas que utilizan o baixo prezo de venda como reclamo e unha das marcas que pagan por debaixo de custo aos produtores/as.

Este xoves prevese unha xornada intensa, non só de mobilizacións, senón tamén porque é a data fixada polo Ministerio para que se chegue a un acordo que para a Plataforma pasa por garantir a recollida de todo o producido a prezos que cubran, cando menos, os custos de produción e pola posta en marcha dunha mesa de negociación do leite en Galiza na que participen todos os axentes: produción, transformación, distribución e administración.

Unha mesa que tería como finalidade chegar a acordos firmes e estábeis que permitan regular o mercado mesmo a través de mecanismos de intervención, coa fin de evitar situacións como a actual, con prezo por baixo dos custos de produción.

Visto en: http://www.galizacig.gal/avantar/novas/9-9-2015/o-sector-produtor-exixira-prezos-dignos-para-o-leite-este-xoves-na-cuarta-xornada-de-

Ningún comentario:

Publicar un comentario