venres, 4 de setembro de 2015

Pola defensa do Sector Lácteo, gran manifestación en Compostela 10 de setembro

As mobilizacións trasladaranse de Lugo a Compostela na semana do 7 ao 10
O vindeiro xoves, 10 de setembro, a Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo ten convocada unha gran manifestación en Santiago de Compostela en demanda de medidas para solucionar a grave crise de prezos que atravesa o sector na Galiza, ante falta de garantías na recollida do leite e duns prezos xustos.

Dende a CIG, como parte promotora desde o seu nacemento e integrante desta Plataforma, facemos un chamamento a participar activamente nesta manifestación e apoiar a xusta loita dos nosos gandeiros e gandeiras. A marcha sairá de Salgueiriños ás 12 horas.

As explotacións leiteiras galegas son as primeiras produtoras do Estado español e desde  hai xa moito tempo cobran o leite máis baixo do Estado español, sendo ademais, o prezo medio do Estado dos máis baixos da UE.

Ante esta grave situación temos un Goberno español e un Goberno  galego  que pasaron de negar a existencia de ningún problema a ser contrarios a  solucións similares ás acordadas noutros países europeos. 

Así, por exemplo, en Francia, dándose un problema de prezos e rotura de mercado moito menores, si se están a adoptar medidas eficaces para solucionar o problema con carácter urxente: o goberno destinou 600 millóns de euros en axudas ao sector e  promoveu acordos coa industria e a distribución para mellorar os prezos dos gandeiros e gandeiras.

Durante o mes de xullo e agosto tiveron lugar manifestacións e tractoradas polas distintas comarcas leiteiras de Galiza.

Esta manifestación do 10 de setembro virá precedida de tres intensos días de mobilización do sector en Compostela, nos que os gandeiros e gandeiras protestarán diante do Parlamento, a Xunta de Galiza, as grandes áreas comerciais e ademais repartirán leite de xeito gratuíto na rúa.

Apoia o noso sector leiteiro e acude o día 10 a Compostela !!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario