mércores, 30 de decembro de 2015

A Xunta destina 1,7 millóns de € de subvencións aos grandes medios de comunicación privados só por existir

A resolución destas clásicas subvencións de concorrencia non competitiva publicouse no DOG do 28 de decembro.

A maior subvención levouna La Voz de Galicia, S.A. con 681.901,96€; séguelle a bastante distancia Faro de Vigo, S.A. con 265.075,75€ e El Progreso de Lugo S.L. con 126.635,24€. Por outra banda, en cuarto e quinto lugar temos dúas empresas con fondas dificultades económicas, como son Editorial Compostela S.A. e Editorial La Capital S.L. con 90.086,01€ 86.118,78€, respectivamente. 

En canto a radios, atopamos en primeiro lugar Radio Popular, S.A. (COPE) con 91.436,94€ e a moita máis distancia, Radio Vigo, S.A. con 32.610,08 € e Voz de Galicia Radio, S.L.U. con 27.990,08€.

Estas subvencións non teñen unha finalidade pública específica, senón simplemente soster os gastos de empresas de comunicación privada polo simple feito de existir, en función do alcance de lectores, oíntes ou visitas ás súas páxinas web, tal e como figura nas bases da convocatoria publicadas no DOG do 12 de febreiro.

Tamén nestas bases atópase que da cantidade inicialmente orzamentada, 1.135.000 €, houbo unha nova ampliación de crédito de 540.000€ ata chegar ao total de 1.675.000€; cantidade inicial e ampliación idéntica a que se repartiu no 2014 pero que remontou desde a destinada no 2013 (1.550.000€).

Estas "subvencións" contrastan coas publicadas tamén no DOG 28 de decembro destinadas ás publicacións feitas integramente en galego e que si teñen unha finalidade específica consonte ás bases: "a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística". Eran e seguen sendo case 9 veces inferiores en contía ás anteriores.

Máis información:


Ningún comentario:

Publicar un comentario