venres, 20 de maio de 2016

INFELIZ ANIVERSARIO: O ImPPresentable concurso xeral un ano despois

Pasou una ano (ademais bisesto, cos seus 366 días) dende que aló polo 20 de maio do 2015 se convocara o concurso de traslados dos corpos xerais da Xunta de Galiza. 

Un ano despois aínda non temos o listado definitivo de puntuacións, só un que rula por aí e que xa é tradicional de cada concurso, e o que é mais, non sabemos cando se publicará nin cando se resolverá este concurso. Se fora un neno e nacera ese día hoxe xa andaría e pode que xa escapara das gadoupas da Xunta de Galiza, quizais xa diría algunha verba como “papá”, “mamá”, “imPPresentable” ou “concurso permanente xa”. Isto último lévao prometendo este director xeral de Función Pública dende fai sete anos, día si e día tamén, cando se lle pregunta por este asunto, dicíndonos que vai ser inmediatamente, que xa se vai licitar, que si avoa fuma..., e aos traballadores da Xunta non nos queda outra que resignarnos e agardar estas promesas incumpridas. 

Resaltar aquí tamén que no medio deste concurso xeral inacabado pasou o de persoal de ensino, que foi convocado no DOG de 19 de xaneiro do 2016 e resolto e publicado no DOG de 9 de maio seguinte..., si, en menos de cinco meses! Un concurso de similar dificultade e con moitos mais usuarios que o resolveu tamén a mesma Xunta de Galiza, neste caso a Consellaría de Educación, non a de Facenda.

Non nos podemos explicar onde esta o interese de ter a todo o persoal dos corpos xerais cabreado por expectativas que non se cumpren nunca, informando de prazos que a propia Consellaría de Facenda se auto impón por medio do seu xestor da Función Publica Galega, este mesmo que sobre este concurso dixo, cando se convocou, que estaría para “finais de ano”. Daquela entendemos que era para finais do 2015, logo foi para febreiro, logo para..., xa pasou un ano e aínda esta o parto do concurso xeral a medias. Se o xestor da Función Publica Galega é un incompetente ten que dimitir pero se é  tan zoquete que non se dá nin de conta disto, o responsable da Consellaría teno que cesar, se non pasa el a ser o responsable de todo este despropósito.

Nós estamos convencidos de que as traballadoras e traballadores do público queremos que as convocatorias se resolvan nun prazo razoable e non que se prorroguen sen saber cando se vai resolver. Non imos festexar con doce e con velas o cumprimento dun ano dende a convocatoria do concurso xeral porque non temos nada que celebrar con este acontecemento. No entanto, agardamos que isto non volva a suceder e esiximos que o actual concurso se resolva xa, inmediatamente, porque xa o dicimos antes: isto é imPPresentable e non ten explicación lóxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario