martes, 27 de xuño de 2017

317.000 € para a difusión de actividades da Consellaría de Presidencia de "interese para a cidadanía"

Suma e segue: publicanse os convenios da Consellaría de Presidencia coa prensa escrita no DOG do 27 de xuño por valor de 317.000€


Con algo de atraso, con bastante en realidade, publicanse no DOG os convenios da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coa prensa escrita. Os convenios foron asinados a finais do ano pasado, salvo o da Voz de Galicia (en marzo deste ano) e aínda veñen de publicarse agora. Curiosa coma sempre a motivación do convenio para a difusión das actividades desta consellería de interese para a cidadanía, durante o ano 2017.

luns, 26 de xuño de 2017

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 23/06/17

A xuntanza estaba convocada para tratar as RPTs de Política Social, Sanidade e procesos selectivos de persoal laboral por promoción interna. 

Tamén se falou doutros asuntos como os procesos selectivos de persoal laboral de acceso libre, varias comisións de seguemento ou os actos de elección de destino de corpos xerais, entre outros.

xoves, 22 de xuño de 2017

Función Pública pretende aplicar o Dereito Divino nos futuros concursos de traslados

Nos baremos que rexerán nos concursos de traslado de persoal laboral e funcionario incluirán un mérito que valorará a vontade da deidade. Quedará baixo a autoridade dos responsábeis políticos da Administración a prerrogativa para asignar a puntuación correspondente a cada súbdito.

A aplicación da prerrogativa divina consistirá na asignación dun plus de puntuación a quen teña sido unxido a dedo para ocupar un posto en comisión de servizo ou en libre designación.


Esta podería ser a tradución do borrador dos criterios dos futuros concursos de traslados achegado por Función Pública, pois en último caso o que pretende a Administración é restar peso aos criterios obxectivos e ao esforzo do persoal e primar a discrecionalidade.  A CIG, grazas a achega de moitísimas críticas con este borrador, vén de presentar unhas completas e argumentadas alegacións a estes criterios e dará a batalla para que non saían así publicadas cando e onde faga falta.


Proposta de modificación da RPT da Consellaría de Sanidade

Achega Función Pública a documentación da modificación da relación de postos de traballo da Consellaría de Sanidade. En principio está relacionada coa inclusión das áreas funcionais, pero aproveitan tamén para amortizar varios postos, a maioría de niveles baixos, seguindo así coa inversión da pirámide dos recursos humanos na Xunta.

Na documentación incorporan a memoria funcional, a táboa de equivalencias, a listaxe de postos que queren amortizar e un anexo do ámbito territorial para os servizos veterinarios da consellaría. Descargar.

Proposta de RPT da Consellaría de Economía, Industria e Emprego

Achega a Consellaría de Economía, Industria e Emprego a proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo adaptándoa á nova estrutura da consellaría, entre outros cambios. Alegacións até o 30 de xuño. 

Vai a memoria funcional por un lado e dous arquivos de folla de cálculo coas listaxes de postos de persoal laboral e funcionario polo outro, logo das amortizacións e creacións. Descargar.

Proposta de modificación da RPT da Consellaría de Política Social

Achega Función Pública a documentación dunha vindeira modificación da RPT da Consellaría de Política Social que irá a Mesa Xeral en breve.

A modificación refírese á incorporación das áreas funcionais á relación de postos vixentes e inclúe outros pequenos cambios ou o traspaso de postos desde Emprego. Descargar.

martes, 20 de xuño de 2017

Función Pública subtrae postos do futuro concurso xeral e das eleccións de destino

Ofertarán prazas que non pasaron polo concurso en localidades con alta demanda de postos (como Vigo ou Ourense). E retirarán da oferta prazas que resultaron vacantes do concurso por estar ocupadas por persoal temporal ou en comisión de servizos.


Os procesos selectivos de corpos xerais de promoción interna (correspondentes á oferta do ano 2012) e acceso libre POR FIN ESTÁN A PIQUES DE REMATAR. A elección de destino está prevista para a primeira semana de xullo para promoción interna do A2, C1 e C2; entre a terceira semana de xullo e a primeira de agosto para acceso libre (con C2 pendente dun informe xurídico); promoción interna de A1 podería ir no medio.

luns, 19 de xuño de 2017

Renovación do convenio CIG-Administración coa Academia Postal

A CIG-Administración vén de renovar o convenio coa Academia Postal  que ofrece  unha serie de descontos para a afiliación na preparación dos programas e probas dos procesos selectivos para acceso ao emprego público das sistintas Administracións Públicas.

A academia Postal pediralle ao alumnado a xustificación de estar afiliados/as á CIG.  Os descontos serán os seguintes:

venres, 16 de xuño de 2017

Criterios de oferta de postos para elección de destino de corpos xerais. Resumo da xuntanza do 16/06/17

Achega Función Pública a relación de postos para os actos de elección de destino dos subgrupos A2, C1 e C2 de corpos xerais, tanto promoción interna como acceso libre. O prazo de alegacións remata o martes, 20 de xuño. Descargar

Na reunión do 16 de xuño limitáronse a expoñer os "criterios" para ofertar estas prazas, criterios que non deixan indiferente a ninguén.

Os procesos de acceso libre e promoción interna (PI) do A1 está sen rematar, polo que ofertarán os postos máis adiante. O acto de elección de destino de PI de tódolos grupos será en principio na primeira semana de xullo, deixando para a terceira semana dese mes a elección de destino de acceso libre dos grupos A2, C1 e C2 e o do A1 tamén sería nesa terceira semana, se estivese rematado o prazo de entrega de documentación do persoal aprobado.

28 de xuño: concentración na Coruña de rexeitamento aos Orzamentos do Estado español para 2017

Estando prevista votación do proxecto de presupostos do Estado Español do 2017 para o día 28 de xuño, a Área Pública da CIG acordou convocar unha concentración de carácter nacional  para ese día  ás 11:30 horas , diante da delegación do Goberno na Coruña. 

Esta concentración ten como finalidade amosar o noso rexeitamento a eses orzamentos españois que non contemplan a recuperación de dereitos roubados ás traballadoras e traballadores públicos, nin recuperación de emprego público, nin garanten uns servizos públicos de calidade e que veñen acompañados de un acordo en materia de emprego público asinado por CCOO, UGT e CSIF no ámbito das administracións públicas.  Este acordo foi rexeitado pola CIG porque avala a destrución de emprego e porque para o noso país foi asinado con datos falsos.

A CIG votará non á derradeira proposta de acordo da segunda actividade para o persoal do SPDCIF

A CIG rexeita o derradeiro texto presentando do acordo de segunda actividade para o persoal de extinción directa do SPDCIF, unha vez rematadas as negociacións con Función Pública e Medio Rural, que tiveron lugar no seo da comisión de seguimento do acordo de bombeiros forestais e segunda actividade.

As principais razóns polas que a CIG rexeita o derradeiro texto achegado pola Dirección Xeral da Función Pública son as seguintes:

xoves, 15 de xuño de 2017

Resumo da reunión pola modificación da RPT da AMTEGA e outros temas. 14/06/17

O 14 de xuño tivo lugar unha reunión coa AMTEGA para tratar dunha pequena modificación da RPT no que a CIG tivo tempo de recordarlle un montón de asuntos pendentes como o concurso de traslados, homologación salarial, teletraballo, formación, etc.

A modificación en si trátase de amortizar 2 postos vacantes para crear outros 3 (2 deles obrigados por sentenza xudicial), así como eliminar as observacións dun posto. Descargar documentación.

martes, 13 de xuño de 2017

Educación afórralle aos cáterings privados o custo de contratar persoal coidador e obriga ao persoal da Xunta a facer esas funcións

O sector da Autonómica da CIG presentou un escrito o día 9 de xuño ante a Secretaría Xeral Técnica de Educación e a DX de Centros e RRHH denunciando unha manobra para aforrarlle cartos aos cáterings privados. 

Segundo o Decreto 132/2013 de comedores, teñen a obriga de aportar persoal, no caso de xestión indirecta, as outras Administracións Públicas ou entidades privadas contraten os servizos dos cáterings. Pero a Xunta o que fai é poñer ao seu persoal propio ao servizo das empresas privadas.

A CIG pide a suspensión da instrución e que Educación se sente a negociar. 

luns, 12 de xuño de 2017

Publicación DOG do procedemento do pase á segunda actividade para o persoal do SPDCIF

No DOG do luns, 12 de xaneiro, sae publicado anuncio mediante o cál regulan o procedemento de aplicación que regula o pase á segunda actividade do persoal das categorías de bombeiro forestal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galiza.

O persoal que desexe acollerse á segunda actividade disporá dun prazo de 10 días hábiles a contar a partir do 13 de xuño de 2017 para presentar a súa solicitude, dirixíndoa á Consellería do Medio Rural, que é a competente para realizar a proposta de adscrición á segunda actividade.

Comeza a xornada de verán, non para todo o persoal, e remata a flexibilidade, para quen a tiña

Remite a Dirección Xeral de Función Pública unha nota informativa con relación á vindeira entrada en funcionamento da xornada de verán regulamentada na Orde do 20 de decembro de 2013. Sen novidades respecto a 2016.

Coa entrada en funcionamento da xornada de verán anúlase a flexibilidade horaria en cómputo menusal salvo para as flexibilidades por motivos familiares. Tamén se anula para esta última flexibilidade horaria a posibilidade de compensar os desvios negativos dos meses afectados dun mes para outro.

xoves, 8 de xuño de 2017

Borrador dos concursos de traslados: armouse o rebumbio

O día 5 de xuño convócannos a unha xuntanza para tratar o baremo dos futuros concursos de traslados, borrador que nos entregan con posterioridade. Recordamos que este borrador tenta establecer os futuros criterios para todos os concursos de traslados, tando de persoal funcionario como laboral, cunha periodicidade de entre 1-2 ao ano.

O borrador foi xa distribuído polos sindicatos e acabou montando bronca entre o persoal, como era de agardar.  Xa lle advertimos a Función Pública que certos cambios encamiñados a reducir a valoración de méritos crearían forte rexeitamento e así está a ser. E iso que a negociación aínda non comezou...

Destacamos a continuación os aspectos máis candentes das moitas alegacións que nos estades facendo chegar sobre o borrador:

Borradores das convocatorias promoción interna persoal laboral OPE 2016

A Dirección Xeral da Función Pública trasladounos os borradores das bases dos procesos selectivos para o ingreso pola quenda de promoción interna e cambio de categoría para os grupos e categorías profesionais do persoal laboral da Xunta de Galiza ofertados na OPE 2016.

Son un total de 4 borradores que agrupan 7 categorías e 266 prazas. O problema é que na dita OPE 2016 non ofertaron máis promoción interna para o resto de grupos: III, II e I. [aquí a historia] En teoría estas convocatorias ían saír cando rematase o período de alto riscos de incendios forestais do ano pasado e a ver se saen cando remate o de este ano.

Da de prazo ata o día 19 de xuño de 2017 para presentar alegacións as citadas bases.

Reunión coa xerencia da AMTEGA: aleivosía, premeditación e mala fe

Despois de máis de un ano solicitando a xerencia da AMTEGA unha reunión para tratar diversos temas pendentes, hoxe chegounos un correo convocando a unha reunión para tratar unha modificación da RPT o luns 12 de xuño ás 14 horas.

A hora da reunión deixa clara as súas intencións, cumprir o requisito legal de "escoitar" ás organizacións sindicais e logo aprobar o que lle pete... O caso é non tratar os temas pendentes desde a última reunión en febreiro de 2016 (que foi polo mesmo motivo, unha modificación da RPT).

Comisións de servizo do mes de maio: dispáranse as renovacións

Achegamos os datos das adscripcións, comisións e prórrogas do pasado mes de maio. Descargar listaxe.

O número de renovacións das comisións dispárase como sucedeu no mes de marzo e acada as 111 resolucións. Porén, dentro das prórrogas xa hai persoal que pasa dos 2 anos ou os supéraos con creces. Recordamos que salvo en "non vacantes", o prazo máximo é de 2 anos. Outra cousa é que logo se produzan cruces de comisións e/ou comisións encadeadas.

As novas comisións crecen lixeiramente mais mantéñense nun nivel semellante (de 71 a 76), así como as adscricións provisionais (de 8 a 9). Como en abril, revogacións só houbo unha, desta volta en Vigo. Para non variar, hai promocións espectaculares como xente que pasa dun nivel 20 a un 30.

mércores, 7 de xuño de 2017

Máis diñeiro público para comprar a prensa: 549.000€

No DOG do 7 de xuño publícanse os convenios de colaboración subscritos pola Consellaría de Cultura e Educación no primeiro cuadrimestre do ano 2017.

Entre estes destacan, polo seu orixinal motivo para comprar titulares, os do "fomento da lectura da prensa escrita" nos centros docentes galegos ou os destinados a "potenciar o uso do idioma galego" nos principais rotativos galegos. Orixinais porque no primeiro caso máis que fomento da lectura, trátase de comprarlle xornais a determinadas editoriais e iso máis que convenio é un contrato de subscrición. E orixinal no segundo caso porque xa sabemos como potencian o uso do idioma galego a maioría dos xornais que se editan no noso país. En total, 549.000 €.

martes, 6 de xuño de 2017

Resumo da xuntanza co director de Función Pública sobre o baremo de concursos de traslados e outros. 5/6/2017

O día 5 de xuño asistimos a unha xuntanza onde o Director Xeral da Función Pública nos achega un borrador sobre o baremo dos futuros concursos de traslados (ao final desta nova) aínda que tamén informaron sobre outros asuntos como as vindeiras tomas de posesión, procesos selectivos en marcha ou seguimento de acordos.

Asistimos á xuntanza sen documentación previa, polo que basicamente nos limitamos a recibir as ideas expostas polo director xeral da Función Pública, facer unha intervención moi xenérica sobre o asunto, e tratar algunha cuestión máis. Na xuntanza fan entrega dun documento que posteriormente enviaron en arquivo dixital.

O director comeza afirmando que a súa proposta é totalmente flexíbel, coas seguintes dúas únicas limitacións: 1) Calquera cambio debe ir na liña de simplificar e axilizar os concursos, 2) Os cambios deben ser conformes ás normas legais (lei de emprego público, decreto de provisión e convenio colectivo).

ASINA: Pola rehabilitación da Escola Infantil Santa Susana (Santiago de Compostela)

O Comitè de Polìtica Social de A CORUÑA, xunto a nais e pais e persoal da Escola Infantil de SANTA SUSANA en COMPOSTELA, estamos a loitar porque 80 prazas de educaciòn infantil non marchen polo desague...como xa pasou noutros tristes casos.

Necesitamos a tua sinatura.


luns, 5 de xuño de 2017

Convocados os cursos de formación da EGAP para o segundo semestre

No DOG do luns, 5 de  xuño de 2017 a EGAP publicou a convocatoria fas actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2017 para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

O número máximo de actividades que se poden solicitar son cinco. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir das 8:00 h. do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e remata o 15 de xuño ás 14:00h.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.gal/matricula.

xoves, 1 de xuño de 2017

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 24: A sinistralidade laboral como escusa para financiar a fondo perdido a mutuas e empresas

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2024.%20Version%20galego.pdf
Xa está dispoñible para descarga o Boletín da CIG de Saúde Laboral Nº24.

Neste número:
  • Real Decreto 231/2017, de 10 de marzo: A sinistralidade laboral como escusa para financiar a fondo perdido  a mutuas e empresas
  • Sinistralidad e  laboral  e  enfermidades  profesionais: un custo humano e económico evitable
  • Última Enquisa Estatal de Condicións de Traballo
  • Estudo  epidemiolóxico  das  enfermidades  profesionais recoñecidas no Estado español de 1990 a 2014

mércores, 31 de maio de 2017

Concentración en San Caetano: Non á privatización dos servizos públicos na Xunta

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais convoca unha concentración de protesta contra a continúa deriva privatizadora dos servizos públicos na Xunta de Galiza e o recorte de postos públicos. A concentración terá lugar o xoves, 1 de xuño, na explanada da cafetaría de San Caetano, ás 12:00h.

Reiterados son os escritos que ten presentado este órgano de representación denunciando a privatización de servizos públicos ou pedindo información concreta sobre a contratación de asistencias técnicas que nunca facilitan. Estes postos de traballo deberan ser estructurais e figurar nas relacións de postos de traballo e así logo veñen as sentenzas de subcontratación ilegal. A realidade xa a coñecemos, non hai cartos para persoal público pero si para contratar con empresas privadas diferentes servizos, que terminan saíndo máis caros e de peor calidade.

Arquivos públicos para que non pase coma cos contratos de Marcial Dorado

No ano 2015 o Parlamente galego aprobou (a proposta do Goberno) a primeira Lei de Arquivos que tivo este país. Non foi unha lei imposta, foi un texto elaborado e reelaborado dende o ano 2011 que tivo varias modificacións e recortes ata quedar ao gusto do gobernó e do parlamento; recordemos en maioría do mesmo partido que dirixe hoxe Galicia, o Partido Popular.

Pois ben, estes días acábase de aprobar a Modificación de Relaición de postos de traballo (RPT) da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA); axencia que move e produce ao ano miles e miles de documentos (tano en formato electrónico e formato papel), e que necesitan unha xestión documental axeitada e non un mero almacenamento en naves de empresas privadas ou o que é peor perdas masivas ou eliminacións incorrectas.

martes, 30 de maio de 2017

Listas de contratación do decreto 37/2006: listas definitivas e actualización de méritos 2016

No DOG do 30/05/2017 fanse públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral dos grupos III-014 xefe/a de cociña e V-001 Camareiro/a-limpador/a, axudante cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro, lavandeiro/a. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

No mesmo DOG tamén se publica a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2016. As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

luns, 29 de maio de 2017

Resumo da Mesa Xeral e da Comisión de Persoal do 29/05/2017

Na Mesa Xeral e na Comisión de Persoal do 29 de maio levouse a modificación das RPTs de Economía, Emprego e Industria e GAIN e máis da ATRIGA. No punto de varios tratáronse diversas cuestións relacionadas con concursos, acordos ou novos decretos que afectan ao persoal

Modificación das RPTs de Economía, Emprego e Industria e GAIN

Na Mesa Xeral retiran todos os pluses da proposta de rpt, quedando pendentes para unha futura negociación. Na Comisión de Persoal apróbase co voto a favor de CCOO, CSIF e UGT e a abstención de CIG.

venres, 19 de maio de 2017

Publicadas as axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

Deberanse ter acollido á redución entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017


A Secretaría das Mulleres da CIG informa que no DOG do venres, 19 de maio, sae publicada a convocatoria das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

xoves, 18 de maio de 2017

Onde están os 9 millóns de euros de formación para o emprego?

A CIG concéntrase en San Caetano para denunciar a nefasta política da Xunta de Galiza en materia de formación para o emprego e exixe que se aclare o que fixo cos 9 millóns de euros das convocatorias que se saltaron


Cunha concentración diante da consellaría de Economía, Industria e Emprego a CIG denunciou, esta mañá, as “nefastas” políticas en materia de formación para o emprego tanto para traballadoras/es ocupadas/os como desempregadas/os. 

En concreto, denunciou que se saltaron as convocatorias de formación continua para traballadoras e traballadores ocupados dos períodos 2015-2016, 2016-2017, e exixiu que se aclarara o que se fixo cos preto de 9 millóns de euros correspondentes a de cada unha delas.

Información xeral sobre asuntos da Función Pública na reunión do 16/05/17: RPTs, procesos selectivos, concursos...

O 16 de maio houbo unha reunión previa á Mesa Xeral do 19 para tratar a modificación de varias RPTs.

Ademáis dos temas da orde do día, a Administración informou de varios asuntos relacionados coa Función Pública como concursos de traslados e procesos seletivos, aínda que para variar con escasa ou nula concreción de datas.

 
1) RPT de ATRIGA, GAIN e D.X. de Enerxía e Minas

Renda 2016: servizo de asesoramento para a afiliación e dedución das cotas sindicais

Con carácter xeral tedes de prazo ata o 30 de xuño para presentar a declaración da Renda 2016. Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2016 desgravan no IRPF. Simplemente tedes que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2016 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG foi de 139,80 €. Se a vosa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non abonachedes todas as cotas, consulta na túa comarca ou entidade bancaria o importe. Non é preciso certificado do sindicato das cantidades aboadas para presentar a declaración.

Como todos os anos, a CIG pon en marcha en cada comarca un servizo para a afiliación de asesoramento coa declaración da Renda. Non tedes máis que poñervos en contacto co local da CIG da vosa comarca. En Compostela xa podes pedir cita chamando ao 981.58.32.00.

Acceso portal web Renda 2016 da Axencia Tributaria

Inspección de Traballo requírelle a Medio Rural a aplicación dos plans de acción logo da denuncia presentada pola CIG

No pasado Mes de Marzo a CIG iniciou unha campaña a nivel nacional co obxectivo de acadar o cumprimento dos plans de acción pertencentes ó Plan de prevención de riscos para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Unha das accións que se desenrolaron nesta campaña foi a denuncia en Inspección de Traballo das xefaturas de distrito e xefatura provincial de incendios como responsábeis da non aplicación dos plan de acción, tal e como marcan os decretos de regulación e os propios plans de acción.

martes, 16 de maio de 2017

Atrásase unha proba diagnóstica nun hospital concertado de Ferrol por non facilitarse documentación en galego

CIG-Saúde denuncia a discriminación lingüística que sofren as persoas usuarias na sanidade pública galega


CIG-Saúde vén de dirixirse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e ao Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, para denunciar a discriminación lingüística sufrida por unha persoa usuaria da Sanidade Pública, que tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non serlle facilitado o documento de consentimento informado en lingua galega, tal e como esta persoa requiriu, conforme ao seu dereito.

luns, 15 de maio de 2017

En galego sen límites: maniféstate pola língua o 17 de maio ás 12h desde a Alameda en Compostela

Queremos Galego convoca manifestación “de unidade” a favor da nosa lingua en Santiago o 17 de maio


No ensino, na administración, nas relacións económicas, na xustiza... en todos os ámbitos da nosa vida, padecemos situacións que serían impensábeis de utilizarmos unha lingua plenamente normalizada.

Como resposta só recibimos promesas e homenaxes á lingua que non obrigan a nada. Promesa dunha oficialidade que non é real no Estatuto ou o seu desenvolvemento incumprido na Lei de normalización lingüística que vén de facer 30 anos.

Porén, aínda que a Xunta de Galiza actúa contra a súa obriga de promover e normalizar o noso idioma, somos moitos e moitas as que actuamos día a día para repor a nosa lingua en todos os espazos.

Modificación da relación de postos de traballo da Axencia Tributaria de Galiza

Feitas xa as reunións previas, achega a Administración a documentación que irá a unha vindeira Mesa Xeral aínda por determinar doutra modificación da relación de postos (RPT) de traballo da ATRIGA (Axencia Tributaria de Galiza).

Desta volta podemos atopar a inclusión das famosas "áreas fucionais" onde debido ao carácter da ATRIGA predomina a de "tributaria". Tamén crean 3 novos postos (unha subdirección nivel 30, unha xefatura de servizo nivel 28 e un negociado nivel 18) e eliminan 5 (unha xefatura de servizo nivel 28, 2 auxiliares administrativos nivel 12, 1 xefe de grupo nivel 14 e 1 axudante nivel 16). Continúa a dinámica dos últimos anos na Xunta de eliminar postos baixos para financiar a creación dos postos superiores da pirámide de recursos humanos. Mais as amortizacións non rematan aí.

Borrador documento convocatoria concurso de traslados persoal funcionario Lei 17

Achegamos o último borrador que nos remite Sanidade para a reunión do 16 para a convocatoria do concurso de traslados de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria.

xoves, 11 de maio de 2017

Comisións de servizo de persoal funcionario na Xunta en abril de 2017

Achegamos os datos das adscripcións, comisións e prórrogas deste pasado mes de abril; revogacións só houbo unha, en Lugo. Descargar listaxe.

O número de comisións segue nunha tónica numérica parecida a meses anteriores: 71 novas comisións, 65 prórrogas e 8 adscricións. Porén, dentro das prórrogas xa hai persoal que se achega a máis de tres anos ou os supera, como un posto nivel 25 en Ourense que leva 5 anos ocupado pola mesma persoa. Recordamos que salvo en "non vacantes", o prazo máximo é de 2 anos. Outra cousa é que logo se produzan cruces de comisións e/ou comisións encadeadas.

Mobilízate, o asasinato do meniño de 11 anos en Oza-Cesuras tamén é violencia machista

A CIG anima a participar nas concentracións convocadas para o xoves 11 de maio ás 20h


A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este xoves, 11 de maio,  ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato do meniño de 11 anos en Oza- Cesuras a mans do seu pai, mentres gozaba do réxime de visitas. Este asasinato tivo lugar tras varias denuncias presentadas pola nai, ordes de afastamento e peticións de amparo.

Con esta xornada nacional de loita en varias vilas e cidades do país, quérese denunciar un sistema patriarcal onde os fillos e as fillas das mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista; que  en demasiadas ocasións os maltratadores usan aos seus fillos e fillas para facer un dano irreparábel á muller; que a  violencia machista é contra toda a sociedade  e que as solucións son colectivas.

mércores, 10 de maio de 2017

Convocatoria de prazas nas Escolas Infantís para as crianzas do persoal da Xunta

No DOG do 10 de maio publícase a convocatoria do procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia en escolas infantís da localidade onde presta servizos. Atención: o prazo remata o 20 de maio.

Dúas novidades moi importantes, a obriga de presentar electrónicamente e extensión da reserva de prazas ao persoal de todas as xefaturas territoriais. Non era sen tempo, despois de tantos anos, ampliar esta reserva a escolas infantís máis aló de Compostela, Vigo e Pontevedra.

martes, 9 de maio de 2017

Mesa Xeral 09/05/17: nova regulamentación RPTs e outra información de interese

O 9 de maio houbo Mesa Xeral e Comisión de Persoal para "negociar" e aprobar a Orde de criterios para a elaboración das RPTs. Descargar documentación (últimos cambios). Esta Orde foi publicada recentemente no DOG do 11 de maio.

Tamén se achegou información de interese con relación a concursos de traslados e procesos selectivos, entre outros temas.

Con relación á proposta, a CIG solicita:

- A indicación de vacantes/non vacantes e liñas orzamentarias. Non necesitamos que sexa na RPT que vai ao DOG, serviría que aparecese no web de función pública.

Informe sobre o desconto por atrasos na cota obreira na nómina de marzo

Ante o rebumbio creado con este tema, achega Función Pública un informe elaborado  Comisión de Nóminas sobre os descontos na nómina de marzo en concepto de "atrasos das cotas obreiras de xaneiro e febreiro". Resumindo: que están consonte á normativa.

luns, 8 de maio de 2017

Aberto o prazo para presentar as solicitudes do que queda do Fondo de Acción Social

No DOG do 8 de maio de 2017 publicanse os criterios de repartición do fondo de acción social (FAS) para o exercicio económico do ano 2016 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

O FAS continúa recortado pola aplicación da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia que establece no seu artigo 3.1: suspéndese para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, mentres estea en vigor esta lei.

Este recorte era para 2 anos revisable cando as grandes contas das Administracións foran mellor, pero seguen negándose a revertelo xunto con outras cuestións inxustas como a de pagar menos cando caemos en situación de enfermidade ou reducir o tempo de descanso do persoal laboral que traballa a quendas.

xoves, 4 de maio de 2017

Mobilizacións contra o bus da xenreira de HazteOír

A CIG rexeita o paso do “bus da xenreira” da organización ultracatólica Hazte Oír polas rúas de Galiza

 

A central sindical anima a participar nas concentracións convocadas a prol da diversidade sexual e dos dereitos das persoas LGTBI

A CIG denuncia a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen aprobou hai un ano o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero dxs menores trans", mais permite e consinte que a organización ultracatólica Hazte Oír pasee o bus polas rúas de Compostela e en vindeiras datas noutros lugares de Galiza.

Convocan Mesa Xeral para modificación da Orde de elaboración das relacións de postos de traballo

O principal cambio vén motivado pola inclusión nas relacións de postos de traballo (RPT) das "Áreas funcionais". Descargar modificación.

A convocatoria vai de xoves para martes e xa vén tamén a convocatoria da Comisión de Persoal, para 15 minutos despois, onde se votará, e vén coa mesma documentación da Mesa Xeral. Vemos que non teñen moitas ganas de negociar nin cambiar nada. Tendo en conta esto, o luns convocaron unha reunión informal para que non fora tan evidente.

En calquera caso, das áreas funcionais xa o meteron coa modificación da RPT de Medio Ambiente e non tiveron en conta as alegacións da CIG, nin de facer unha negociación real e sosegada, nin de garantir o acceso aos postos a través da formación equivalente á experiencia.

mércores, 3 de maio de 2017

A Xunta aumenta en 500.000€ a axuda a medios privados para que sexan "máis plurais e independientes"

Serán 1.675.000 € os que de partida destinará o Goberno galego a subvencionar o funcionamento das empresas xornalísticas e de radiodifusión privadas e que, ano tras ano, recaen nos grupos de sempre.


A convocatoria destas subvencións de concorrencia non competitiva foi publicada no DOG do 3 de maio. A gran diferenza respecto ao ano pasado son 540.000€ de orzamento que aumentan de inicio. Ben é certo que nos anos anteriores esta dispoisicón incial de 1.135.000€ sempre chegaba aos 1.675.000 cunha máxica ampliación de crédito poucos meses despois.

O curioso é a motivación desta subvención sen concurrencia competitiva nos tempos que corren: a liberdade de expresión e fomentar uns medios "máis plurais e independentes". Para mexar e non botar gota. Por suposto, e como todos os anos, seguindo coa fina ironía da convocatoria, tamén se busca a potenciación da lingua e cultura galega, "a galeguidade". 

Previsión de publicación do que queda do Fondo de Acción Social 2016

Comunican desde Función Pública que o 8 de maio é a data prevista para a publicación no DOG dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) 2016 para a axuda para a atención de persoas con discapacidade, a única que existe desde 2011.

O FAS veuse recortado na súa maioría pola Lei de medidas de 2012, que en principio era para 2 anos, e aí quedou o recorte por moita "recuperación económica" que anuncien, cunha asignación "social" que só ten en conta á atención de persoas con discapacidade. Anteriormente se tiñan en conta outras circunstancias como fillos/as menores, persoas maiores a cargo, estudos, adquisición de viveda, gastos sanitarios ou xubilación.

martes, 2 de maio de 2017

A Xunta de Persoal maniféstase en contra da creación da escala de persoal de servizos xerais (PSX)

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia manifestou a súa desconformidade coa creación da escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX) no actual corpo auxiliar, pola Lei 2/2017, de 8 de febrero, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, ante a Dirección Xeral da Función Pública.

Por unha parte, entende esta xunta de persoal  que  non se pode crear novas escalas cando as funcións encomendadas están asignadas a outras xa existentes nas diferentes escalas e especialidades dos corpos de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outra banda, esta escala creouse coa oposición de todas as organizacións sindicais.

Dúbidas sobre a implantación do programa Morfeo entre o persoal da Xunta

O programa Morfeo é unha aplicación telemática que emprega a Xunta de Galiza para a xestión de permisos, vacacións e licenzas. Inicialmente tiña que estar en funcionamento en 2014 pero non o fixo ata comezos deste ano. De momento pódese elixir entre a solicitude en papel e electrónica pero non permite anexar os xustificantes electrónicamente e teñen que ser remitidos en papel coma sempre aos servizos de persoal.

A polémica do programa é quen ten permisos de acceso e a que datos. Tal e como está configurado actualmente non só as persoas que asinan os permisos, senón bastantes máis poden ver o histórico de permisos e ata de fichaxes do Kronos, non só desde que o persoal está no centro actual senón en centros anteriores. Na xestión destes permisos atópanse cuestións de especial protección en materia de datos persoais como a protección da saúde ou violencia de xénero.

luns, 1 de maio de 2017

Miles de persoas claman na rúa pola recuperación de dereitos no 1º de Maio

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo, insistiu en que hai "condicións obxectivas" para convocar folga xeral




luns, 24 de abril de 2017

Queremos Galego convoca manifestación “de unidade” a favor da nosa lingua en Santiago o 17 de maio

Baixo o lema “en galego sen límites” para evidenciar os obstáculos para vivir en galego


A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo e da que a CIG fai parte, anunciou hoxe a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “en galego sen límites”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda

O anuncio foi realizado hoxe polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de membros da Xestora da plataforma cidadá, que sinalaron que ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolverase diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria. Na web www.queremosgalego.gal indicarase os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega.

venres, 21 de abril de 2017

A campaña pola recuperación de dereitos marcará celebración do 1º de Maio

http://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2017/04/18/panfletoPrimeiroMaio2017.jpg

A CIG convoca 13 mobilizacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira


A CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A central conmemorará esta data coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do país baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”.

xoves, 20 de abril de 2017

Aniversario da AMTEGA: 5 anos de privatizacións

Torta de celebración dos 5 anos da AMTEGA
Cúmprense nestas datas cinco anos da creación e posta en funcionamento da AMTEGA, ese monstro creado polo amigo Feijoo cun único fin: contratar os seus servizos a empresas externas.

Aos poucos, a AMTEGA foi apropiándose dos recursos humanos, materiais e económicos que antes dependían das consellerías, para conseguir facer una xestión máis opaca dos recursos e multiplicar os contratos ás empresas amigas. O seu afán devorador non ten límites: o último en caer no seu bandullo foi o CIXTEC, suprimido na disposición adicional quinta  da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; semella ser insaciable!
 

martes, 18 de abril de 2017

Horas extras do persoal médico do SERGAS para cubrir as deficiencias de persoal en Política Social

A Xunta vén desatendendo dende hai anos os equipos de valoración e orientación (EVO) que son os que determinan o grao de discapacidade das persoas que así o solicitan. A falta de persoal fai que o tempo de espera media das persoas usuarias sexa de ano e medio ou dous anos.

Ante isto se lle ten reclamado á Administración incrementar os equipos multidisciplinares dos EVO, xa que esta tardanza non ven derivada dun pico de traballo senón que é estrutural o cal implica que se debería incrementar o número de equipos e a creación de postos para axilizar a xestión dos expedientes de incapacidade, creando postos de persoal médico, psicólogos/as e traballadores/as sociais.

luns, 17 de abril de 2017

Apertura do prazo para solicitar praza nas residencias de tempo libre

Residencia de tempo libre de Panxón-Nigrán
No DOG do 12 de abril publícase a ORDE do 7 de abril de 2017 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a consellería de Política Social para o ano 2017.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará o 2 de maio de 2017.

Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2017 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social.

martes, 11 de abril de 2017

A Xunta declara o período de alto risco de incendios forestais co persoal de reforzo na casa

O sector de Autonómica demanda que sexa contratado por un período mínimo de 9 meses


O xoves 13 de abril comeza o período de alto risco -no que a loita contra incendios forestais se refire - declarado pola Consellería do Medio Rural. Porén, denuncia o sector de Autonómica da CIG-Administración, como xa é habitual, ao mesmo tempo que se declara a situación de alto risco por razóns de vento e previsións para os vindeiros días, non se activa ao persoal propio da administración destinado a este período.

Concurso escalas sanitarias: relación de postos excluidos

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas enviounos a relación de postos que pretenden excluír do concurso de traslados de persoal funcionario de escalas sanitarias incluíndo a información da causa da exclusión, extremo que non nos fora facilitado anteriormente; un total de 37 postos. Dan de prazo ata o martes, 18 de abril, para presentar alegacións ás prazas.

Deste xeito, as persoas responsábeis da dirección do Sergas cumpren coa súa palabra e coa obriga de negociar con atención aos principios de obrigatoriedade, boa fe negocial, publicidade e transparencia que, inicialmente, non foron respetados e que motivou que motivou a denuncia pública e petición escrita da CIG.

venres, 7 de abril de 2017

Comisións de servizo, adscripcións e prórrogas de persoal funcionario durante marzo do 2017

Achegamos os datos das adscripcións, comisións e prórrogas (non hai revogacións) deste pasado mes de marzo. Descargar.

Así a bote pronto a máquinaria comisional xa está a pleno rendemento e as prórrogas (107) xa voltan a superar ás novas comisións (73). Así mentres respecto a febreiro, as novas comisións manteñénse no mesmo número, as prórrogas autorizadas dispáranse pasando de 47 a 107.

Fondo de Acción Social ridículo e iso que "a crise xa é historia"

O xoves 6/4/2017 tivemos unha reunión os sindicatos con representantes da Xunta de Galicia para tratar o Fondo de Acción Social (FAS). Desde a CIG pedimos o seguinte:
  • Solicitamos dotar o fondo de acción social co 1% da masa salarial.
  • A recuperación de todas as axudas de antes da crise e aumentalas progresivamente.
  • Que a concesión de todas as axudas sexa polo nivel de renda das familias.
  • Os compañeiros de MUFACE e de outras administracións teñen dereito a axudas, por que aquí na Xunta de Galiza non as temos?
  • Cando se van a publicar no DOG?

Sanidade oculta información das prazas que retira do concurso de escalas sanitarias

A Administración retira prazas do concurso de traslados do persoal funcionario das escalas sanitarias, e négase a trasladar á representación do persoal as causas que o motivan en cada caso.


Estamos ante un concurso de traslados do que tivemos o primeiro borrador no ano 2014, e do que van excluir a participación dunha parte do persoal funcionario, moi condicionado pola cantidade de anos dende o anterior proceso selectivo e afectado polo peche dos laboratorios de saúde pública de Coruña, Ourense e Pontevedra.

Dende ese primeiro borrador do 2014, aparentemente o concurso vai sair no 2017. A tal efecto, e como parte da negociación, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas achegounos a relación de prazas vacantes a ofertar, pero das que non ofertan limitáronse a dar unha xenérica información verbal.

Listas de contratación de escalas sanitarias

No DOG do venres 7 de abril publícase a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que fan pública a orde de prelación e a puntuación definitiva das listas de substitución para postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria (Lei 7/1989), para as clases seguintes:

Convocados cursos de linguaxe administrativa

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais


No DOG do venres 7 de abril publicouse a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal que preste servizo na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Estos cursos están organizados pola EGAP en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Convócase as seguintes edicións de 25 prazas cada unha:

mércores, 5 de abril de 2017

O colectivo de xubilados/as da CIG mobilízase en defensa das pensións públicas

Demandan a revalorización das pensións consonte o IPC e o incremento das mínimas


O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG concentrouse este mércores diante das oficinas do INSS de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Vigo -onde ademais ocuparon o edificio- en defensa do sistema público de pensións e para desmontar a “mentira” de que non é viábel. Xunto a isto denunciaron as consecuencias das reformas, demandaron a revalorización anual das pensións atendendo ás subas do IPC, garantías para a sustentabilidade do sistema público e un incremento das pensións mínimas para que se equiparen, como mínimo, ao Salario Mínimo Interprofesional.

O acordo de Madrid asinárono con datos falsos: a temporalidade real na Xunta dispárase ata o 24,50%

Para o Ministerio de Hacienda só hai un 4% de temporalidade no persoal do ámbito da Función Pública galega mentres que as estatísticas da Xunta mostran que hai un 24,50%.


Nos documentos anexos que nos presentaron na Mesa Xeral das Administracións Públicas en Madrid para que asinásemos o Acordo para a mellora do emprego público, consta para o Ministerio de Hacienda e Función Pública que a porcentaxe de interinidade na Administración da Xunta de Galiza (persoal funcionario e laboral das consellarías e Organismos Autónomos, excluído persoal docente e estatutario do SERGAS) é do 4%. Esto é, que sobre un total de 15.944 efectivos hai falsamente 633 persoas con vínculo interino ou temporal.

Se o obxectivo é reducir a temporalidade na Administración ata o 8%, a Administración galega segundo o texto e as táboas do acordo non tería nada que reducir.

Reordenación de categorías laborais dos grupos IV e V

A Dirección Xeral de Función Pública retoma a súa intención de reordenar/refundir categorías do persoal laboral da Xunta de Galiza, nesta ocasión relativa aos grupos IV e V. Dan de prazo ata o día 12 de abril para presentar alegacións. Descargar proposta de ordenacion de categorias grupos IV e V

Para que non quede no esquecemento, lembramos que este asunto ven de vello: a última proposta relativa a todos os grupos fora do 30/12/2016, e a última relativa só aos grupos IV e V fora o 04/07/2016.

martes, 4 de abril de 2017

Reunión do Comité Intercentros de Saúde Laboral: solicitamos que a gripe se excepcione das enfermidades que sofren desconto por IT

Política Social e Medio Rural, as consellerías que acaparan os 50% dos accidentes de traballo.


O dia 30 de marzo reuniuse o Comité Intercentros de Saúde Laboral e tratáronse os seguintes asuntos: protocolo de avaliación de riscos psicosociais, memoria actividade preventiva do 2016, enfermedades infectocontaxiosas como enfermidades laborais, nova configuración dos comités de saúde laboral, persoal dos servizos de prevenzón e varios.

luns, 3 de abril de 2017

A Xunta desobedece as leis e non crea os arquivos aos que está obrigada

A Xunta de Galiza está a incumprir o mandato da Lei galega 7/2014 de arquivos e documentos impulsada polo goberno do PP e aprobada polo Parlamento de Galiza.


Cando en 1990 Galiza asumiu competencias en Cultura, basicamente asumiu persoal vinculado aos arquivos históricos. Trala ampliación de competencias e co desenvolvemento da estrutura administrativa fíxose necesario crear arquivos nas consellerías. Así creáronse no ano 2005 tres arquivos centrais para as áreas de cultura e turismo, política social e industria.

O resto nin se sabe nin quere nin conta, e xa non é unha obriga moral ou instrumental, é unha obriga legal. A maiores compre dicir que os arquivos centrais xa se converteron nun instrumento transversal da propia Administración ao igual que a asesoría xurídica ou a intervención pois cobren as demandas de todas as consellerías, pois todas necesitan de xestión documental; tanto en papel como electrónica.

Publicada a orde da axuda de pagamento único por filla/o menor de 3 anos

O prazo de presentación das solicitudes ábrese o martes 4 de abril e remata o 26 de maio.


O martes 4 de abril, ábrese o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, correspondente a 2017. Novamente, quedan excluídas destas axudas as persoas que o pasado ano presentaran a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo.

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 23

O Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 21 pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou acudindo á portada da web, ao espazo específico que ocupa o Boletín. O Boletín CIG Saúde Laboral únicamente se publica en formato dixital.

No sumario deste número atopamos baixo o epígrafe A Fondo, o artigo "Seguridade e saúde laboral dos/as traballadores/as de ETT: boas prácticas en coordinación empresarial e formación", que inclúe un Informe sintético do Grupo de Traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo creado co fin de identificar deficiencias en relación a estos temas e aportar posibles solucións.

Dentro do capítulo denominado Información, o Boletín acolle os artigos "A dixitalización e o futuro do emprego" e "Estratexia visión cero".