venres, 19 de xaneiro de 2018

Financiar postos de libre designación coa eliminación de postos base: a subdirección de 4 postos

A Consellaría de Infraestruturas e Vivenda vén de remitirnos unha serie de documentación de modificación da súa RPT como consecuencia da publicación da modificación do seu Decreto de estrutura. Entre esta documentación está unha memoria complementaria, unha táboa de equivalencias  e uns acordos de transferencia de peresoal que non deixan contento a todo o mundo. Descargar documentación.

Resulta chamativo na memoria complementaria que para crear un posto de subdirección e outro de xefatura de servizo amorticen... outra subdirección e outra xefatura de servizo?? Pois non, amortizan un posto de limpador/a, un de subalterno/a e outro de legoeiro/a para financiar o posto de subdirección. Polo menos, o servizo creado financianno a través da amortización doutro servizo. Xa sabedes, a famosa estabilidade orzamentaria...

xoves, 18 de xaneiro de 2018

Resumo da xuntanza do Comité Intercentros coa Dirección Xeral da Función Pública: 16/01/2018

Tras varias solicitudes do Comité Intercentros, o día 16 de xaneiro a DXFP convoca a unha xuntanza informativa ao máximo órgano de representación do persoal laboral na Xunta de Galicia, na que se trataron os seguintes temas: concurso de traslados, proceso de estabilización, xubilación parcial, adscricións temporais, postos en incapacidade permanente total, entre outros.

mércores, 17 de xaneiro de 2018

Borradores de novas convocatorias de procesos selectivos para alegacións: 487 prazas de corpos xerais

Achéganos Función Pública un lote de borradores de ordes de convocatorias de diferentes procesos selectivos para as súas alegacións. 

Na súa maioría (471) trátase de convocatorias para persoal funcionario de corpos xerais, subgrupos A1, A2, C1 e C2, derivadas da OPE 2017 (e acumuladas coas non executadas de 2016 e 2015). Tamén mandan dúas convocatorias cunhas poucas prazas (16) para as escalas de informática, subgrupos A1 (8) e A2 (8), por promoción interna, da OPE de 2016.

Kronos nos centros de Cultura: solución ou desfeita?

Presentación da tarxeta Kronos
Dende a implantación do sistema de fichaxe (kronos) na  Xunta de Galicia, sabíase que esto (e non podía ser doutra maneria) ía chegar máis tarde ou máis cedo a todos os centros externos aos servizos administrativos centrais; así a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Adminsitrativa está estes días introducindo o sistema de fichaxe nos arquivos, bibliotecas e museos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e O.U.

Antes de nada decir que dende a CIG estamos a favor do control horario de todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia (incluído persoal de libre designación), que os centros teñan horarios similares e que as compensacións horarias sexan reguladas, xustas e iguais.

Pero non se pode comezar a casa polo tellado, dende a Administración  (e especialmente dende Cultura) deben saber que nos centros culturais o persoal está penado por horarios extraordinarios; polos que por riba de non cobrar un euro vailles traer problemas agora cando se enfrenten a fichar nun sistema que non lles recoñece eses horarios. Así os horarios se excepcionan  en que o persoal fai tardes, sábados e domingos coas súas correspondentes libranzas; esto non está recoñecido polo Kronos o que fai que a partir de agora cada traballador teña desviacións horarias que non son reais.

martes, 16 de xaneiro de 2018

'SOS Sanidade Pública' chama a mobilizarse contra a política de demantelamento da sanidade do PP

A plataforma convoca conentracións comarcais o mércores 24 de xaneiro e unha manifestación nacional o domingo 4 de febreiro en Santiago


Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública compareceron esta martes en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de concentracións comarcais para o vindeiro día 24 de xaneiro e unha manifestación nacional en Compostela para o día 4 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda. A plataforma denuncia a política de recortes, privatizacións e a mala xestión do Partido Popular, alerta das graves consecuencias que isto ten para garantir unha atención de calidade e chama a todas as usuarias e usuarios a defender o sistema sanitario público galego.

O persoal de xustiza está chamado a mobilizarse en Santiago o 25 de xaneiro

Coincidindo coa nova xornada de folga convocada no sector


Á espera de que se produza unha nova reunión entre a representación social e a Xunta de Galiza, o comité de folga continúa adiante coa convocatoria do paro xeral na administración de xustiza galega do vindeiro xoves 25 de xaneiro. Coincidindo coa folga, para ese día está convocada tamén unha manifestación en Santiago de Compostela, á que están chamados/as a participar os 2.500 traballadores e traballadoras do sector. A marcha sairá ás 12:00 horas da Avenida Xoán XXIII e rematará diante do Parlamento, na rúa do Hórreo.

mércores, 10 de xaneiro de 2018

A CIG denuncia á Xunta por negarse a medir o canceríxeno radón nos seus edificios

Estudos científicos relacionan o gas radón co cancro de pulmón.  Algúns estudos cifran no 25% o total de casos de cancro de pulmón detrás dos que se atopa este gas. A emisión deste gas é especialmente alta no noso país e na nosa comarca de Compostela. Resulta moi perigoso en sotos, semisotosm baixos e outras zonas pouco ventiladas.

A CIG expuxo en reiteradas ocasións no respectivo comité de seguridade e saúde laboral  a queixa e inquietude do persoal público polos niveis de gas radón nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en Servizos Centrais, sobre todo nos sotos destes, onde normalmente se traballa en xornada ordinaria. Pediuse que se mediran os niveis de este gas, xa que Santiago de Compostela é unha zona de alto risco pola morfoloxía do seu chan.