venres, 7 de febreiro de 2014

A Xunta de Galiza permite o incumprimento do contrato de limpeza anual dos edificios administrativos por preto de 7 millóns de euros

A Xunta de Persoal dos servizos centrais denuncia na seguinte nota de prensa que a Xunta de Galiza está a pagar por uns servizos que non se prestan sen que a esta lle importe demasiado a pesar da elevada cantidade deste contrato. Din que cabe preguntarse se á Xunta lle sobra o diñeiro ata tal punto de poder permitirse este incumprimento ou se estamos ante un indicio de prevaricación.

O 31 de maio de 2012 formalizouse o contrato de limpeza dos distintos edificios administrativos da Xunta de Galicia. A empresa gañadora foi a única que se presentou: Limpiezas Pisuerga Grupo Norte, S.A. por valor de 5.597.861,00 € (IVE excluído); só 2.139€ por baixo do orzamento base de licitación 5.600.000,00 € (IVE excluído). Actualmente o dito contrato encontrase prorrogado.

Logo da lectura dos pregos, podemos asegurar que o mencionado contrato está sendo incumprido, sen que por parte da Administración se impoñan ao adxudicatario ningún tipo de penalización ou se teña resolto este, con perda da garantía, tal e como establecen os pregos e a lexislación correspondente.
Pola contra, a Administración actúa premiando o incumprimento do contrato por parte do contratista a través da súa prorroga. A modo meramente enunciativo destacar que:
a)      A empresa esta incumprindo do disposto no apartado 14.1 do prego de cláusulas administrativas, ao non realizar as substitucións do persoal que teña asignado o servizo de limpeza dos edificios dos servizos centrais.
b)      Non se están a realizar diversos traballos recollidos nos pregos tales como a limpeza anual das fachadas de pedra, limpeza quincenal de azulexos de aseos e servizos, limpeza quincenal de armarios e estantes, etc. nos servizos centrais (ver 5.2,6.8.1, 6.4.2., 6.4.3. do prego de prescricións técnicas)

Os mencionados feitos poderían ser constitutivos de indicio penal e prexudican gravemente a Administración e o resto de empresas da competencia que seguramente estarían dispostas a prestar os servizos que se están prestando (que non son os contratados) mesmo a un prezo menor que o facturado pola actual adxudicataria.
Non pode ser que unha empresa se beneficie do incumprimento do establecido nos pregos de contratación cuns aforros de custos e a administración non esixa o cumprimento do contrato senón que lle dea o visto bo a uns Servizos que non se prestan e si se cobran.

Un dos exemplos máis evidente e a fachada principal de pedra do edificio administrativo de San Caetano, onde se  aprecia claramente que leva anos sen limpar pese a que nos pregos se establece unha limpeza anual.

O anterior pódese comprobar cotexando a documentación do contrato que achegamos e facendo unha visita polas instalacións do edificio administrativo, onde se poden observar as deficiencias descritas (achéganse fotos). Agradecemos aos medios de comunicación a difusión desta nota e ás persoas con responsabilidades políticas que traballen para erradicar estas prácticas.

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais xa puxo en coñecemento dos grupos parlamentares da oposición o dito incumprimento.

Na fotografía pódese comprobar o estado da fachada do eficio administrativo de San Caetano que non se limpiou en anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario