luns, 10 de febreiro de 2014

Despilfarro da EGAP na distribución "deluxe" do seu plan de formación 2014

Nos corredores do edificio administrativo de San Caetano aparecereon tirados varios exemplares en papel satinado e a toda cor do Plan de Formación EGAP 2014.

A publicidade deste plan foi feita mediante medios electrónicos e pódese atopar no seguinte enderezo. Porén, a EGAP fixo unha tirada indeterminada en formato libriño coas páxinas satinadas e a toda cor. Parte da dita tirada, que teñamos coñecemento, foi distribuída polo edificio administrativo de San Caetano (edificio dos espellos, corredores de Facenda, etc.).

A dita difusión en papel de alta calidade está a crear malestar entre as traballadoras e traballadores públicos dos servizos centrais. O malestar, compartido pola CIG, débese a entusiástica austeridade desta Administración cando hai que recortar en horas de formación e a falta de modestia á hora de imprimir as publicacións de autobombo nas que saen fotos de perfil "tipo facebook" de altos cargos do Goberno coma a do conselleiro de Presidencia ou a propia directora da EGAP.

Para maior detalle da excesiva austeridade que repercute no rendemento das unidades cabe destacar a queixa do persoal sobre o estado das fotocopiadoras ou ordenadores de certas unidades (véxase a Dirección Xeral da Función Pública), mentres hai cartos para sacar publicacións en edición "deluxe" sen maior utilidade que a maior gloria da EGAP.

Vimos de transmitir o dito malestar á EGAP e poñer en coñecemento da persoa representante da CIG no Consello Reitor esta situación, solicitando que se nos achegue información da tirada final da edición impresa do Plan de Formación 2014 da EGAP, así como dos lugares da súa difusión e máis do custo final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario