mércores, 19 de marzo de 2014

Medio Rural compra medios de comunicación con diñeiro público

No DOG do 19/03/2014 publícanse os convenios de Medio Rural de 2º cuadrimestre do ano pasado (xa vedes que presa se dan). O caso é que entre todos estes convenios hai un total de 15 convenios con medios de comunicación (14 medios privados "convencionais" e 1 coa televisión pública galega) por un valor total de 1.018.000€.

Esto é tan só a punta do iceberg en canto a como desde as distintas Administracións se compran os medios de comunicación con diñeiro público. Chámaselles "convenios de colaboración" cando na realidade a única colaboración que existe é que a Administración paga e o xornal/televisión saca o que lle mandan. Ista é a política do fume: pagar por vender que se fai, no canto de pagar para facer cousas que redunden no beneficio da cidadanía.


Hai que ter en conta que ista é só unha pequena cantidade dedicada por unha soa consellaría dunha Administración como a Xunta de Galiza. Logo, na propia Xunta quedan o resto de consellarías e as subvencións directas da Secretaría Xeral de Medios, por non falar das campañas de publicidade directas (xa non convenios, nin subvencións).

Cabe preguntarse, hoxe máis que nunca, se iste tipo de gastos son admisibles cando se está chegando a deixar de financiar os tratamentos medicos hospitalarios, pechando quirófanos, pechando escolas, recortando persoal público, subindo os prezos das garderías públicas, comedores escolares e taxas universitarias e pola contra baixando salarios, baixando as pensións, prestacións por desemprego...

En calquera caso, son gastos que as persoas que defendemos os servizos públicos temos que colaborar na súa denuncia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario