xoves, 31 de xullo de 2014

O Servizo Galego de Saúde coloca a persoal da súa confianza sen ter a categoría esixida

A Consellaría de Sanidade utiliza de xeito perverso a figura da comisión de servizos para colocar a amigos e amigas en postos de responsabilidade, moi ben remunerados e sen ter a titulación requirida para exercer esas funcións.

Xa en xuño de 2011, a CIG-Autonómica, denunciara os trapicheos que, naquel momento, manexaba a Consellaría de Sanidade con respecto á colocación de persoal en postos, sen cumprir a normativa de Función Pública. Naquel momento, denunciárase que tanto a daquela vicexerenta do Sergas, Mª Eugenia Lado Lago, como a subdirectora de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas, non cumprían cos requisitos necesarios para ocupar estes postos. Na actualidade aparecen “cesadas” das súas funcións, segundo o directorio telefónico da Xunta.

Non entanto Sanidade segue cometendo as mesmas irregularidades. O pasado 17 de xuño, a CIG preguntou pola persoa que estaba a ocupar a xefatura de Servizo de Innovación Sanitaria que, segundo o directorio telefónico naqueles momentos estaba ocupada por Rodrigo Gómez Ruiz. Denunciábase que esta persoa era persoal da FEGAS (Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria) coa categoría de Auxiliar Administrativo C2, e que con esa categoría fora integrado, segundo o decreto 91/2007 do 26 de abril, como persoal estatutario do Sergas, polo que non podería ocupar un posto reservado para a categoría A1.

Posteriormente, a Dirección Xeral de Recursos Humanos emitiu un informe sinalando que esa praza estivera vacante dende a súa creación, a finais de 2013. Curioso que a Administración cree unha nova praza en pleno proceso de reestruturación de postos (ou de recortes para entendernos mellor) e non o cubra. Tamén neste informe, o Sergas sinalaba que Rodrigo Gómez Ruiz “non ocupa ningún posto de traballo na relación de postos de traballo” de Sanidade. Pero ao mesmo tempo que se emitiu ese informe, curiosamente tamén, actualizouse o directorio telefónico e esta persoa deixou de “exercer” as funcións de xefe de servizo, ou cando menos, deixou de figurar con esa categoría.

Non obstante, no mesmo documento, o Sergas recoñece que esta persoa si está a prestar servizos na Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas dende o 13 de marzo de 2013. Recoñece tamén que a categoría que ten é dun grupo C2 e sinala que as percepcións económicas se corresponden á súa praza de orixe. Non entanto, cremos que esta persoa podería ter unha retribución maior por medio dun programa especial. Práctica moi habitual da consellaría de Sanidade para retribuír, de xeito escuro (xa que non é público) a determinado persoal e equiparalos a un nível económico de xefe de servizo, como se fosen estes os fondos reservados do Ministerio do Interior.

Por último, as mentiras do Sergas evidéncianse cando na páxina web www.escueladedirectivossanitarios.es (xestionada polo FEGAS e o SERGAS) pódese comprobar moi facilmente que esta persoa representa á Consellaría de Sanidade como “Coordinador de la Plataforma de Innovación de la Consellería de Sanidad y del Servicio Gallego de Salud”. Licenciado en Ciencias Políticas y de la Administración. Es experto en Community Management: Empresa 2.0 y Redes Sociales. Ha sido Responsable de la Unidad de Desarrollo e Innovación de la FEGAS.”

Polo tanto, é moi claro que a Consellaría de Sanidade minte e falta ao respecto a todo o persoal da Xunta de Galiza cando afirma que esta persoa presta “servizos de colaboración temporal” e tamén cando di que non cobra máis do que cobraría no seu posto de orixe, persoal de servizos xerais, correspondente a un auxiliar administrativo na Función Pública Galega.

Dende a CIG-Autonómica, vimos de esixirlle ao Sergas e ao departamento da Función Pública que se depuren responsabilidades con respecto a esta forma clientelar de colocación de amigos e de premiar economicamente estas vontades servís.

Esiximos tamén que se deixe de utilizar esta forma perversa e ilegal de provisión de postos de traballo incumprindo a normativa vixente, así como tamén avisamos de que emprenderemos as accións xudiciais oportunas no caso de que non se revertan estas situacións ilegais.

Para finalizar, chámamos a atención da cidadanía en xeral para que valore que tipo de responsables políticos exercen a dirección da política sanitaria deste país, que son capaces de ocupar cargos sen ter a categoría requirida e que chegan até a Vicexerencia do propio Servizo Galego de Saúde. Que tipo de responsables políticos fomentan e amparan este tipo de actuacións?

Dende a CIG-Autonómica entendemos que, ademais dun desprezo á normativa da Función Pública, isto evidencia un menosprezo total e absoluto polos Servizos Públicos e pola propia cidadanía que é a usuaria destes e que merece unha Sanidade Pública, gratuíta e xestionada por responsables competentes e honestos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario