xoves, 18 de setembro de 2014

Grazas, Montoro!



No BOE do 17/09/2014 publícase a "Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de Reforma Administrativa". Con esta linguaxe mentirosa que se emprega desde o goberno quere dicer "de restricións", "de control" e "de contrareforma" das Administracións públicas.


En calquera caso, como guinda do pastel trae un carameliño hipócrita (un moscoso máis, despois de roubarnos un lote deles). Xa que logo, a cousa para este ano e para os seguintes (mentres non volva a cambiar) queda tal como sigue: 5 por lexislación estatal e 2 polas instrucións de permisos, vacacións e licenzas (DOG 20/03/2013), facendo un total de 7. 


Ollo porque xunto con este caramelo veñen modificacións substanciais no EBEP: regulamentación do persoal interino, a introdución do persoal militar na administración ou sobre a mobilidade do persoal entre Administracións.


Xa que logo, parece que agora interesa estar a ben coas empregadas e empregados públicos porque a semana pasada saltaba tamén a seguinte nova, a raíz da preparación da Lei de Orzamentos do Estado:



Sexa como for, nas cousas de andar por casa, volveu o horario de inverno e con el a choiva e nada máis porque do falado na última mesa Xeral aínda non hai resposta da Administración: nin promoción interna, nin concurso de laborais, nin solución para o concurso de informática, nin por suposto nada de nada dos novos concursos de persoal funcionario de corpos xerais ou especiais que vimos reclamando.
 

Como proba da necesidade de novos concursos, basta botar unha ollada aos datos das novas comisións de servizo de xullo e agosto: un total de 167, que foi algo menos das que houbo en xuño, pero non está mal para ser pleno periodo vacacional. Agora ben, o número de comisións de servizo en prazas de nível mantense máis ou menos, houbo un total de 38 comisións en postos de nível 25 (que arrastran tamén máis nomeamentos en postos de nível 18).

Por certo, de querer estar a ben coas empregadas e empregados públicos galegos, podemos falar de retirar esa inxusta Lei de medidas que estableceu, entre outras, que temos que pagar por enfermar e vai facer xa para 3 anos en vigor.


Apetécelle estar a ben coas empregadas e empregados públicos galegos, Sr. Feijóo? Pois téñao en conta agora que se está a elaborar a Lei galega de orzamentos para o 2015 e aínda está a tempo...

Descargar cartaz

Ningún comentario:

Publicar un comentario