luns, 27 de outubro de 2014

Os concursos permanentes acabarían co caciquismo na Xunta


Imaxinade que queda unha vacante nun lugar que vos interesa ou hai un posto de nivel apetecible. Imaxinade que a solicitades e imaxinade que a solicitan 9 persoas máis. Ata aquí nada difícil de imaxinar. Agora ben, imaxinade que o posto llo asignan a persoa que teña máis puntos segundo o baremo do último concurso. Imaxinade tamén que se puidera actualizar ese baremo no primeiro trimestre de cada ano. Poñede ese baremo nun Decreto e teríamos un concurso permanente.

Na actual lei da Función Pública se recolle que os concursos de traslados serán anuais. O V Convenio Colectivo do Persoal laboral mesmo chega a falar do concurso de traslados permanente. Non se cumpre nin o un nin o outro. A realidade son moreas e moreas de comisións de servizo e adscricións temporais ditadas con absoluta arbitrariedade (salvo no persoal laboral que teñen como criterio obxectivo a antigüidade e a pertenza ao centro – e aquí si se cumpre, non como no persoal funcionario-).

Anuncia o director da Función Pública: que para o persoal funcionario haberá concurso para o 2015 e que para o persoal laboral tentarán poñer en marcha o concurso permanente (ou unha sorte disto) a finais deste 2014.

Nós propoñemos concurso permanente para todas as traballadoras e traballadores públicos por dous motivos: 1) se garante a cobertura baixo demanda de postos públicos por criterios obxectivos e 2) non se producen desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas.

Estes dous aspectos non só son bos para a gran maioría de traballadoras e traballadores públicos que poden facer carreira administrativa sabendo ao que aterse e con certas garantías, senón tamén para a cidadanía que recibe un servizo profesional e independente. Non entendemos que a Xunta poña por diante os seus intereses de seguir controlando caciquilmente a cobertura dos postos de concurso por diante, xa non dos nosos dereitos, senón do bo funcionamento da Administración e das garantías de servizo á cidadanía.

Descargar CIG-Informa

Ningún comentario:

Publicar un comentario