martes, 11 de novembro de 2014

A privatización do AMTEGA e a pasta que hai polo medio para repartir entre as empresas

Comunica a AMTEGA (Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza) que en breve haberá unha nova xuntanza co tema da súa RPT (relación de postos de traballo). A AMTEGA é un macrochiringuito que xestiona todo o que ten que ver coa informática e as telecomunicacións na Xunta e no que cada vez queda menos persoal funcionario e hai máis persoal de empresas dentro, persoal directivo das cales, leva unhas boas talladas.

Despois de varios anos en marcha, e tras o concurso de informática resolto en marzo deste ano, puxeron en riba da mesa unha proposta de cadro de persoal que abonda na privatización dos servizos informáticos na Xunta: máis persoal de dirección e menos currelas. A amortización de postos chega a tal punto que mesmo se cargan postos ocupados, ou sexa que son necesarios. E non é que o digamos nós, senón os continuos contratos de AMTEGA de asistencias técnicas para subcontratar traballos "porque non hai suficiente persoal propio".

O modelo de Administración para os servizos informáticos é un paradigma do que deseña este Goberno da Xunta: a desprofesionalización total da Administración e a aposta pola privatización dos servizos públicos e as subcontratas para realizar o traballo do persoal propio. Na situación actual, custa pouco darse conta de que non é unha cuestión ideolóxica, nin de eficiencia ou racionalización, senón simplemente de control político da Administración, de sembrar un campo de cultivo para as súas corruptelas. E é que se moven moitos millóns de euros entre tanto contrato informático.
Non sabemos se antes de ano irá á vencida esta rpt, que é un feble reflexo de todo o persoal que curra para a AMTEGA, a maior parte subcontratado. E non somos nós quen nos queixamos, o propio persoal propio desta axencia está ata o gorro de quedar ao marxe de boa parte dos proxectos. Cada vez que imos pola súa sede no mausoleo da Cidade da Cultura atopamos máis mesas de asistencias técnicas e menos de persoal laboral ou funcionario da Xunta.

Unha triste realidade que non só campa na Xunta senón noutras Administracións como a Seguridade Social, onde a metade do persoal vén de empresas privadas, as famosas asistencias técnicas.  

Como anécdota, contarvos que a finais de setembro, viñeron uns compañeiros de fóra á primeira reunión pola RPT e na entrada preguntáronlle "de que empresa?". Descartado completamente que foran novos funcionarios que van traballar a esa axencia, onde hai choio, o que pasa é que prefiren contratalo con empresas privadas, que sempre da moito máis "xogo político".

Actualización: mércores, 12/11/2014 remiten nova documentación tras alegacións con moi poucos cambios e na mesma liña privatizadora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario