xoves, 13 de novembro de 2014

Montoro devolverá en xaneiro de 2015 o 25% da paga extra de Nadal do 2012... e na Xunta?

Onte anunciou Montoro ás organizacións sindicais que este venres, 14 de novembro, van aprobar no Consello de Ministros a devolución do 25% da paga extra de Nadal do 2012. Esta devolución farase efectiva no mes de xaneiro.

Este 25% recordamos que é o recorte na extra que a Xustiza recoñecía como recorte ilegal xa que se fixo con carácter retroactivo. O Real Decreto entrou en vigor o 15 de xullo, pero xa levabamos xerado o dereito desde o 1 de xuño; así pois corresponde a 44 días de paga extra. O atraco era tan evidente que ata os xuíces máis conservadores fallaban en contra do Goberno.

A ninguén se lle escapa que esta devolución, neste preciso intre, ten que ver cun guiño de cara ás próximas citas electorais.  Pero ollo, porque este detalliño será só para as traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral do Estado, no resto de Administracións "dependerá da súa situación de déficit". 

E aquí é onde non se entende a postura da Xunta, que xa anunciou, e previsiblemente o volverá a anunciar en breve, que devolverá o 12,5% en 2015 e o outro 12,5% en 2016.  Pero non se entende se tentamos buscar unha razón puramente económica pois vai pouco que se nos vendeu a moto de que as contas da Xunta eran das mellores das Comunidades (estamos mellor co resto, acostuman a dicir). 

Actualizado: Despois do Consello da Xunta, e como anunciábamos, Feijóo confirmou que en xaneiro devolverá o 12,5%.

A que vén tanta miseria? Pois a que no noso país non precisan facer guiños electorais ningún porque, segundo as enquisas, non lles treme tanto o sillón como en Madrid. Ao final é eso: medo a perder o sillón, esa é a única motivación que teñen para facer as cousas ben.

Se non chegara con esta actitude de agravio, aquí seguimos coas pagas extras recortadas (sen complemento específico ou equivalente), coa promoción interna conxelada, cos concursos de traslados cada lustro... e o fan porque total, non lle ten consecuencias alí onde máis lle preocupa, no que lle pode quitar votos. De todos os xeitos, que non se confíen, a arrogancia é traizoeira.

Descarga o noso cartaz de "non somos traballadoras e traballadores públicos de segunda" e colocao polo teu centro de traballo.

Descargar CIG-Informa

Ningún comentario:

Publicar un comentario