mércores, 17 de decembro de 2014

Falta de transparencia nos últimos cambios do proxecto de Lei de emprego público de Galiza

Na Mesa Xeral do 15 de decembro, o director xeral de Función Pública comentou que "están rematando coas traducións" da lei de emprego público. Agora ben, non queren mandarnos o texto ata que o remitan ao Parlamento (no que houbo importantes cambios aprobados no Consello da Xunta do 11 de decembro). Realmente non nos tragamos que non queren que vexamos o texto porque "non está traducido". Sospeitamos, xa que logo, que aínda están ultimando algúns detalles e que podería haber mesmo emendas do propio grupo parlamentar que sustenta ao Goberno.

Os últimos cambios traídos vía Consello foron referidos: á constitución dun fondo de 350 millóns para a recuperación da paga extra de Nadal de 2012 e pagas extras completas en 2018, á supresión do plus dos altos cargos e a cobertura das xefaturas de servizo, de novo, por concurso. Esto todo pola nota de prensa, xa que non coñecemos os cambios en detalle ou se houbera algún máis. O que si nos consta é que hai un importante traxín na Función Pública con este tema, un traxín máis intenso que o que cabe esperar pola tradución do texto.

O da Lei de emprego público de Galiza (LEPG) é coma unha historia interminable aínda que nos termos que está deseñada polo seu ideólogo mellor así. O que fica tras esta lei é un maior control político, do que xa existe na actualidade, sobre a Administración pùblica.

Somos a primeira Administración en desenvolver a figura do persoal directivo, ese persoal moi ben remunerado, que non ten porque ter aprobado unha oposición e está a chamado a dirixir os buques insignia políticos da Xunta. Implántase unha avaliación de desempeño por criterios non obxectivos, difícilmente medibles, sen elemento contraditorio e realizada por un órgano que aínda que autónomo é nomeado na case totalidade pola Administración. Desta avaliación dependerá a nosa carreira profesional, a conservación do noso posto e as nosas retribucións. Así pois, teñen un elemento novo co que controlar politicamente ao persoal e se perde a tan necesaria independencia nunha Administración pública que debe estar ao único servizo da cidadanía.

A historia interminable e os continuos cambios de última hora

Comezamos a coñecer deste novo proxecto de lei da Función Pública aló por abril do 2013, como non, primeiramente, a través dun anuncio do Goberno da Xunta aos medios de comunicación. De aí ata finais de xuño houbo unha alta intensidade de asembleas, reunións e gran número de alegacións. A volta das vacacións esa intensidade foise perdendo xa que a Xunta aparcou o proxecto nun caixón. Así ata o verao deste 2014 onde volveron sacar un novo borrador coa intención de aprobalo no Parlamento antes de final de ano, algo que hoxe por hoxe, vese imposible.

Desde finais de setembro ata a Comisión de Persoal foron chegando sucesivas versións de borradores. De feito ata despois da súa aprobación na Comisión de Persoal, o 16 de outubro, foron realizados sucesivos cambios. Á Xunta pouco lle importou o voto en contra das 4 centrais sindicais máis representativas no noso ámbito, aínda que tampouco queda moi ben nun "escenario de recuperación económica" dicir a toda proposta de recuperación dos nosos dereitos que NON.

Temos un total de 4 borradores desde setembro ata a Comisión de Persoal. De feito, o último borrador que nos pasaron foi un escaneado (ao que lle faltaban as primeiras páxinas) con anotacións ao marxe*, sobre 1 mes despois desa xuntanza. De aí ao Consello do 11 de decembro modificarían esas tres cuestións que comentamos ao principio desta nota e sospeitamos que algunha outra máis.

Queremos concluír cunha forte crítica á falta de transparencia na xestión do público que destila a configuración deste proxecto de lei. Esta ausencia de información, ou retazos que imos collendo de notas de prensa do Goberno, é máis propio dunha monarquía bananeira que dun país con tradición democrática. Falan de transparencia pero non vemos que a practiquen e ao fin e ao cabo, a elaboración e os cambios nun proxecto de lei de emprego público non son un secreto de estado e deberan ser, xa non só de acceso para as empregadas e empregados públicos, senón para a cidadanía.

*Esta versión non vola podemos facilitar porque ocupa demasiado para descarga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario