mércores, 17 de decembro de 2014

Minuto e marcador da recuperación das pagas extras

De canto e como íamos recuperar as nosas pagas extras foi cambiando nos últimos meses. Mentres ata o 11 de decembro íamos recuperar da paga extra secuestrada do Nadal do 2012 un 12.5% en xaneiro e 2015 e outro 12,5% en xaneiro de 2016, desde o 11 de decembro semella que en 2015 imos recuperar un 25%; precisamente ese 25% que recoñecen as sentenzas xudiciais que non podían ter quitado de ningunha das maneiras.

Agora resulta que falan dun fondo de 350 millóns de euros, creado a traves do proxecto de lei de emprego público, para recuperar un 25% no 2015, un 25% no 2016, un 25% no 2017 e o último 25% no 2018. Tamén anunciou Feijóo que recuperaríamos as pagas extras completas (co seu complemento específico ou equivalente) no 2018; comezaríase a recuperar progresivamente desde o 2016 a razón dun terzo por ano.

Esa é a teoría, outra cousa é a práctica. O problema é que a teoría aínda non a vimos por escrito (no novo texto da lei de emprego público), nin tampouco coñecemos os aspectos técnicos nin con que partida orzamentaria pensan facer fronte a ese pagamento do 25% no inminente 2015.

Cómpre recordar que no proxecto de lei de Orzamentos 2015 estaba previsto só o pagamento do 12,5% da paga extra do Nadal do 2012. Ademais, cómpre facer fincapé que ata o anuncio no Consello da Xunta do 11 de decembro, tiñamos unha data concreta para recuperar algo, en xaneiro de 2015. Co novo escenario, falan, en xeral, do 2015. Estamos desexando ver publicado no DOG o texto definitivo da lei de Orzamentos aprobada onte no Parlamento. Porén, probablemente, algo avanzarán mañá tralo Consello da Xunta a este respecto.

Fican, xa que logo, moitos aspectos importantes no ar, sobre todo de carácter técnico que urximos a que aclaren canto antes. Do mesmo xeito, seguimos reclamando a recuparación da totalidade dos dereitos recortados e que, canto menos, nos poñan desde xa ao mesmo nivel que as traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral do Estado, que nunca se lles recortou as pagas extras no complemento específico ou equivalente. Sempre nos poñen ao mesmo nivel para o malo, pero para o bo, xa é outra historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario