martes, 9 de decembro de 2014

O teletraballo na Xunta segue sendo unha anécdota


Das 2000 potenciais persoas beneficiarias, só 37 están a teletraballar para a Xunta.

A comezos de ano, a Administración anunciaba a bombo e platillo que ata 2000 persoas poderían beneficiarse desta outra ferramenta de conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Porén,  na actualidade só hai 37 persoas na Xunta cunha resolución favorable de teletraballo. Ademais, 32 desas 37 persoas traballan nos servizos centrais.

A pesar de que existen uns criterios obxectivos para a súa concesión, a capacidade discrecional da Administración para concedelo fai que o propio persoal desista xa de solicitalo pois é opinión estendida que “só llo dan a uns poucos afortunados”. Se anecdótico é o número de  persoas que ten concedido o teletraballo, non o é menos o número de persoas solicitantes (86). No que vai de ano houbo un total de 49 resolucións denegatorias, poucas si, pero aínda así superan o número de resolucións favorables (37). Nas denegadas, sí que se observa un maior peso dos servizos periféricos, con 26 do total das 49 resolucións denegatorias.

Se botamos unha ollada ás concesións, observamos que o colectivo que máis resolucións favorables acumula é o persoal letrado ou de asesoría xurídica que supoñen máis do 30% do total. No lado contrario, o colectivo con máis resolucións denegatorias é o persoal informático, que supón tamén o 30% do total. De feito, entre as resolucións favorables non atopamos nin unha soa para este colectivo. Curioso, tendo en conta que na empresa privada o persoal que realiza tarefas informáticas é do que máis compatibilidade ten á hora de exercer o teletraballo.

Nas xustificacións que da a Administración para a súa denegación utiliza con carácter xeral as mesmas muletillas que se substancian en breves liñas, sen entrar no fondo de cada posto de traballo, senón quedando tan só en que "é necesaria a súa presenza física para a cobertura das necesidades do servizo". Cómpre recordar que o  teletraballo actual na Xunta permite conceder ata un máximo de 3 xornadas á semana nesta modalidade, pero non implica que non se concedan menos para ir vendo a posibilidade real de implantación.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario