luns, 26 de xaneiro de 2015

As retribucións ocultas de quen tamén cobra do público pero que non son públicas

Nas diferentes leis de Orzamentos aparecen sempre publicadas as retribucións de todo o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma. Para esta ano 2015 foi no DOG do 30/12/2014 e, de novo, non experimentan ningún incremento con respecto ás vixentes o 31 de decembro. O da "recuperación económica" das traballadoras e traballadores públicos, como a da maioría da cidadanía, é unha ilusión para animarnos a gastar o que non temos... e logo diranos de novo que vivimos por riba das nosas posibilidades. A recuperación económica só é unha realidade para as grandes empresas e a banca.

A principios do mes de xaneiro publícanse as instrucións para confeccionar as nosas nóminas, que de novo volven ser publicas (DOG 21/01/2014). Nestas instrucións pódese comprobar ao detalle o que cobra unha traballadora ou traballador público galego. Non se pode decir o mesmo das asistencias técnicas, asesores, enchufados, conseguidores e outra xente que cobra do público pero sen ser público.

Unha recente nova na prensa cifraba en 6000 tan só o persoal asesor político en autonomías, diputacións e concellos. Na parte que nos toca, o Presidente da Xunta négase a limitar o seu custo; a Xunta gasta actualmente case 5,8 millóns de € neste concepto. Por outra banda, aínda que lle obriga a Lei de Transparencia, seguen sen publicar no web da Xunta as retribucións de todo o persoal eventual, tan só o que ocupa os cargos de xefatura de prensa e gabinete.

Ademais deste concepto existen unha cantidade de persoal incontrolable traballando actualmente para a Xunta de Galiza directamente dentro dos edificios e centros administrativos, desde o que realiza labores máis puramente técnicas a de oficios, ata o persoal que chega a rivalizar ou realizar funcións para as cales existen corpos, escalas ou categorías profesionais de persoal propio.

Non son precisamente os currelas os que máis gañan, senón a figura do encargado, cando non a persoa titular da empresa, a que se aproveita da precarización laboral e dun xugoso beneficio empresarial, ademais da relaxación no cumprimento de obxectivos para facer o agosto con estas asistencias técnicas. Son esas persoas traxeadas que acostumamos ver en caros coches pagados pola empresa que se reunen en despachos coas persoas xefas da Administración deixando de lado toda achega do persoal propio, algo que, por exemplo, na AMTEGA coñecen moi ben.

Por suposto, logo atopamos a punta do iceberg de determinados casos de corrupción, na que entre o empresario corrupto e o político corrupto figuran persoas en calidade de mediadoras que poden ser persoeiros con perfil político ou simplemente amigos, como o tal Pachi Lucas, senón de cando en vez algunha mazá podre dentro dun cesto podre que favorece a corrupción.

Todas estas e outras moitas nóminas e mordidas non aparecerán na instrucións de nóminas, pero cobran do público ou máis ben parasitan o público. Porque pode resultar unha contradición pero as persoas que máis apoian os recortes de postos públicos nas Administracións son en boa parte persoal funcionario, algún dos cales lle parece ben meter a súa xente enchufada vía empresa concesionaria. Para mostra a resolución do polémico concurso de traslados da Axencia Tributaria:

Ningún comentario:

Publicar un comentario