xoves, 15 de xaneiro de 2015

Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014

Publicouse no DOG do 15 de xaneiro a convocatoria das axudas económicas para os traballadores e as familias monoparentais que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado da súa filla ou fillo. O prazo para a presentación remata o 20 de febreiro.

Poderán beneficiarse destas axudas:


- Homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

- Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental entenderase o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado dun/dunha fillo/a menor de tres anos ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Tamén poderán solicitar aquelas persoas que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar.

Para ter dereito á axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014.

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral gozada e da súa duración, en atención ao número de fillas/os a cargo da persoa solicitante. E poden ir dos 1.600 euros aos 3.600 euros.

En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.


Ningún comentario:

Publicar un comentario