xoves, 19 de marzo de 2015

Di o director da Función Pública que só hai 160 traballadores/as doutras Administracións en toda a Xunta

Xa só en Educación e Sanidade nos Servizos centrais estaríamos falando de case 200 persoas

Na última Comisión de Persoal achega estes datos o director xeral (ao fin e tras anos de requerimentos e sucesivas integracións). Curiosamente, di que hai só 160 traballadores/as doutras Administracións traballando en toda a Xunta; aclara que representan o 0,70 % de todos os postos de persoal funcionario e laboral existentes nas distintas RPTs no ámbito da Administración xeral. Con relación aos postos de RPT realmente ocupados sinala que a porcentaxe é un pouco superior, aproximadamente do 0,90 %. Finalmente dixo que, tomando como referencia só ao persoal funcionario, a porcentaxe se eleva ao 1,27 %.

A actual lei da Función Pública recolle no seu artigo 44.5, ao respecto da mobilidade entre Administracións, que "o persoal doutras administracións en servizo activo na Administración da Xunta de Galicia non poderá superar, en ningún caso, o 5% dos efectivos totais con que esta conte". Na futura lei, agora en trámite parlamentar, dado que a integración é automática o que se establece é o 7% de límite de postos das RPTs abertos a outras Administracións.  Ademais, no novo texto, exclúese desa cifra as subdireccións ou xefaturas de servizo dos ámbitos da educación, sanidade e xustiza, co cal o límite real vai ser moi superior.

Respecto a esto teríamos moito que falar, comezando polo persoal doutras Administracións que se atopa aquí en comisión de servizos, excedendo o tempo legalmente permitido, o persoal que vén a través de ordes de servizo sen ocupar praza (xa só en Educación e Sanidade nos Servizos centrais estaríamos falando de case 200 persoas) ou de por que non dá acceso aos sindicatos ao programa Matrix que cruza os datos das RPTs cos de Persoal, canto menos aos datos xenéricos (non aos persoais). Senón, non temos xeito de contrastar a súa información.

Por último queremos destacar o abuso da apertura de postos de libre designación a outras Administracións, o que consideramos unha burla aos sistemas obxectivos de mobilidade por concurso de traslados e un desprezo á profesionalidade do persoal da Xunta de Galiza.

É hora tamén de sentarse a falar e realizar convenios serios e recíprocos de mobilidade do persoal entre as diferentes Administracións, laboral e funcionario, pero en igualdade de condicións e sen que ninguén saia prexudicado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario