venres, 20 de marzo de 2015

O valedor do PPovo xustifica os recortes da Xunta na presentación do seu informe do ano 2014

O valedor do Pobo vén de presentar o seu informe do ano 2014 no Parlamento de Galiza. Na súa presentación, no día de onte, deixounos unha serie de perlas na rolda de prensa, tales como: "O Estado social non pode crecer ilimitadamente", ou valorar nunha escala de 0 a 10 que “As políticas sociais da Xunta están sento de sete”, ou sexa, de notable.

O rebumbio xerado por estas declaración levouno a matizar estas e, unhas horas despois, logo de ver que tiña metido a pata até o fondo, preferiu falar de “certa confusión apreciada nalgunhas afirmacións”.

Esta persoaxe, José Julio Fernández, é un tipo que sempre andivo pola esfera do Partido Popular. Durante a negociación da reforma do Estatuto de Autonomía, no ano 2006, xunto co actual portavoceiro popular Pedro Puy, exerceu de asesor de Feijóo sobre cuestións xurídicas e institucionais.

O valedor do Pobo, ese que ten que defender ao administrado perante os abusos da Administración, que ten que defender, polo tanto, os Servizos Públicos, non é máis que outro raposo coidando do galiñeiro que nunha rolda de prensa se lle enche a boca e lle sae o lado máis escuro da súa función pública, no cando de servizo á cidadanía, un servizo ao poder. O valedor do Pobo convértese nun “validador” dos recortes.

De todos os xeitos, temos que agradecer este acto de sinceridade, xa que isto deberíanos de abrir os ollos ao conxunto da cidadanía sobre estas barrigas agradecidas que ocupan postos en organismos nos que se gasta unha chea de diñeiro de todos e todas e que funcionan, ao final, como chiringuitos do poder: Tribunal de Contas, consellos de non sei que ou valedores dos pavos, sitios onde abundan responsables executivos, directores, presidentes, conselleiros, eses que non teñen problemas en pensar en como pagar a luz, a auga, a comida ou o cole das nenas..., moitos deles con soldos de máis de 5.000 euros ao mes e con todo pago para que, ao fin, nos dean estas exclusivas.

O seu sentido de existencia é precisamente este, convencer ao pobo que din defender de que os recortes son necesarios, ou sexa, que "sobran funcionarios".

Ningún comentario:

Publicar un comentario