martes, 3 de marzo de 2015

Recollida de sinaturas polo mantemento e planificación dos Servizos Sociais Públicos

O Comité Intercentros da Xunta de Galiza, perante a grave situación que está a padecer o persoal dos centros da Consellaría de Traballo e de Benestar da Xunta de Galiza, vén de iniciar unha recollida de sinaturas nos seguintes termos (reproducimos o texto íntegro).

Á/a do Presidente da Xunta, á Conselleira de Traballo e Valedor do Pobo:


As persoas asinantes denunciamos a grave situación que se padece nos centros dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar. Estes continuos anos de “crise” provocan o deterioro do servizo asistencial e, a implantación dunha nova política social na que a planificación da atención se orienta unicamente a recortar e reducir  co conseguinte  deterioro da atención directa  (racionamento de cueiros, das cremas de hidratación, das toallas, da calefacción e outros) e a merma do benestar dos/as usuarias (ao converter os centros en almacéns de persoas pola falta de programación de actividades), sosténdose toda esta estrutura asistencial grazas á implicación do persoal que traballa nos centros.

A escaseza de medios materiais (guindastres, baños xeriátricos, sabanas  axeitadas...), a  ausencia dun planeamento organizativo para o futuro, as estresantes condicións laborais que impiden a conciliación e agravan as posibilidades  de accidentes e baixas laborais pola enorme carga de traballo, consecuencia das amortizacións de postos de traballo e a non cobertura de vacacións, incapacidades, permisos, etc.

E así, PEDIMOS:

O MANTEMENTO E PLANIFICACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS

A REPOSICIÓN DAS CONDICIÓNS LABORAIS DO V CONVENIO

A DOTACION ADECUADA DE MEDIOS MATERIAIS

Descarga aquí a folla de sinaturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario