mércores, 1 de abril de 2015

As "boas prácticas" da Xunta e a nosa promoción profesional carca e caciquil

A mediados de marzo, a Xunta e o Estado preparaban a visita da OCDE para comprobar a implantación dos recortes nas Administracións públicas impostas desde a famosa Troika. Estas medidas concretáronse no 2012 no, menos famoso, informe CORA impulsado desde a Secretaría de Estado para as Administracións Públicas polo amigo do cafelito.

Eufemísticamente, nesta reunión cambiáronse "recortes" por "medidas de racionalización" e desde a Xunta (representada nesa reunión por Alfonso Rueda) foise máis aló falando mesmo de "boas prácticas" e "modernidade". Lástima que nese informe CORA non introducisen medidas que acabasen con outros gastos que son auténticos dispendios e que non supoñen ningún beneficio para a cidadanía .

Pois ben, a comezos desta semana produciuse a agardada visita e volvéronse a dar xabrón con esto de aplicar tan ben os recortes. Xunta, Goberno central e OCDE congratuláronse de que temos desenvolto o 91% das medidas do plan do informe CORA. O problema é que tanto dar xabrón que ao final se lles escapou a pastilla. E é que a Xunta saca unha nota de prensa decindo que a OCDE di o que dixo Rueda no seu momento e que volveu repetir a directora xeral de Avalición pero non a OCDE: que a Xunta é un exemplo de "boas prácticas"; algo que as persoas que traballamos dentro sabemos que non é do mellor que se pode dicir desta Administración.

Non sabemos que ten exactamente de boas prácticas, por exemplo, a Operación Zeta ou a perda dos contratos con Marcial Dorado. Tampouco sabemos que ten de racional seguir contratando asistencias técnicas para facer traballo propio de persoal funcionario ou laboral da Xunta e aínda por riba pagar máis, ou onde está a famosa racionalización dos chiringuitos se quitan un e poñen outro e logo supón un aforro residual como recoñece o propio Consello de Contas xa que subrogan ou integran ao seu persoal na Xunta. 

Tampouco sabemos que ten de moderno recortar máis do 30% dos salarios en 6 anos, iso parece máis ben a clásica medida liberal de comezos do século pasado. Ou sen irnos ao puramente económico, que hai de moderno nunha Administración que pretende unha avaliación do rendemento en base a criterios exclusivamente subxectivos da que dependa a nosa promoción profesional e a conservación do posto? Ou que hai de moderno en que para poder promocionar profesionalmente interveñan fundamentalmente criterios discrecionais a través de comisións de servizo, concursos específicos ou libres desingacións?... Iso máis que moderno resulta o sistema carca e caciquil de mediados do século pasado.

Onde están as boas prácticas na convocatoria de procesos selectivos da Xunta que nunca se sabe cando nin como empezan e cando e como van acabar? Ou no feito de non convocar promoción interna ou concursos de traslados máis que unha vez cada cinco anos, con sorte, mentres no Estado son cada ano? Que hai de "boas prácticas" en non ter nin empezado a traballar na implantación dun concurso permanente do que levan falando 5 anos? 

O que si estamos de acordo coa Xunta é que foron os primeiros en  empezar a recortar nos servizos públicos e nos dereitos das súas traballadoras e traballadores, aló por febreiro de 2012 co lei de medidas, mentres o CORA non se implantaba ata outubro dese ano, despois da lei de medidas estatal de xullo, que entre outras, quitaba a paga extra de Nadal.  Iso sí, en privatizacións e corrupcións non fixeron recorte nin racionalización algunha, para iso non hai modernidade senón tradición carca e caciquil de toda a vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario