luns, 4 de maio de 2015

Agora si, recuperaremos o 24% da paga extra de Nadal de 2012

Tralo seu trámite parlamentar a lei de emprego público veu a igualarnos ao persoal público do resto de Administracións, e aínda que, meses máis tarde, todo o mundo, laboral e funcionario, cobraremos o 24% daquela xa lonxana paga extra de 2012 deixada de percibir para maior gloria dos mercados.

No proxecto de lei o que se recollía era que cando entrase en vigor a lei de emprego, modificaría a lei de Orzamentos e cobraríamos a outra metade da parte devengada da paga extra de 2012. Como xa analizamos pormenorizadamente, a parte devengada da paga extra non era exactamente o 25% da paga extra que segundo os medios íamos recuperar este ano. Esto provocou un pequeno cachondeo coas porcentaxes que chegou a resultar ofensivo. O que pasou en xaneiro foi que o persoal laboral cobrou sobre un 4% da paga extra do 2012 e o persoal funcionario un 9%. Aquí tedes a explicación. Tentamos explicárllelo aos medios, pero preferiron a versión da Xunta.

O que vai pasar "agora" é que cobraremos a % restante ata o 24%, co cal será máis do que cobramos coa extriña de xaneiro deste ano. O quiz da cuestión, e polo que todas e todos nos preguntades, é cando será ese "agora". O que comunicaran as persoas representantes do Goberno foi que "en canto estivera publicada a lei". Non ocultaron o seu desexo, evidente, de que esta lei estivera publicada antes das eleccións municipais.

Cabe agardar que o procedemento para o seu cobro sexa similar ao que se deu coa extriña de xaneiro só que, desta volta, e se hai vontade política, que tendo as eleccións aí diante todo implica que poderá habela, podería ser neste mes de maio. En calquera caso, este Goberno nunca foi moi proclive á transparencia nin sequera en cuestións tan inocentes como a xestión dos nosos dereitos. Da a impresión de que en canto a persoal público, as traballadoras e traballadores da Xunta somo o último mono e non íamos ser menos en ser os últimos en cobrar ese 24%.

Se non chegara con esta actitude de agravio, aínda seguimos coas pagas extras recortadas, coa promoción interna conxelada, cos concursos de traslados cada lustro...Vella política, de cara a galería, enganando ao persoal con falsas promesas e enganando a cidadanía sobre as nosas retribucións. E o fan porque poden, porque lles deixamos e porque aínda se ven no futuro coa maioría absoluta, ao contrario do que lles sucede en Madrid. Resulta obvio pensar que se seguimos traballando igual e se seguimos votando igual, para que van cambiar nada?

Actualización (05/05/2015): loxicamente cando dicimos "agora si" falamos en tono retranqueiro. Como se desenvolve no corpo da nova, para que recibamos o que é noso, primeiro ten que entrar en vigor a lei (20 días desde a súa publicación no DOG) e logo Facenda ditar as oportunas instrucións. Efectivamente non cobraremos antes das eleccións municipais, pero o efecto mediático queda aí coa aprobación e publicación da lei.... e de feito, volverán a lanzalo á prensa cando volvan a facer o pagamento. Entre que nos pagan un cuarto de extra en 2 prazos e fan varios anuncios, a xente de fóra da Administración vai pensar que nos están devolvendo cartos todos os días...

Ningún comentario:

Publicar un comentario