venres, 24 de xullo de 2015

Mañá saimos á rúa - 25 de xullo, día da PATRIA GALEGA

Por unha Galiza ceibe e sen explotación!

Un ano máis, a Confederación Intersindical Galega (CIG) chama a todos os seus afiliados/as e simpatizantes a participar de xeito activo nos actos que se celebran o 25 de Xullo por todo o país para conmemorar o Día da Patria Galega, así como na manifestación unitaria que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o sábado baixo o lema 'A nación galega'.

Na central entendemos que a conmemoración do Día da Patria Galega é un bo momento para que a clase obreira do noso país poida deixar claro o seu máis enérxico rexeitamento ás políticas económicas e sociais da dereita española e da súa sucursal na Xunta de Galiza, o PP.

Unhas políticas que afondan no desmantelamento dos principais sectores produtivos do noso país, condenan a milleiros de mozos/as á emigración e degradan os dereitos laborais e sociais dos traballadores/as: baixadas salariais, precariedade, xornadas abusivas, etc.

Entendemos tamén que o actual marco xurídico é insuficiente tanto para garantir os dereitos nacionais de Galiza como para defender os nosos dereitos como clase traballadora, polo que é necesario mobilizarse para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Por todo isto, animamos a afiliación e a todo o pobo galego a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.



Ver nova no web da CIG-Confederal




Ningún comentario:

Publicar un comentario