venres, 11 de setembro de 2015

Para cando as pagas extras completas?


Fálase moito da recuperación da paga extra do 2012, mesmo da suba dun mísero 1% das retribucións no 2016, dos moscosos e dos canosos.... e todo o que vén de Madrid pois en breve hai eleccións xerais. Porén, non se fala case nada da recuperación de dereitos dos que a nosa Administración ten competencia exclusiva, entre eles:  recuperar o complemento específico (ou equivalente do persoal laboral) nas pagas extras que levan recortadas desde o 2013, recuperar o 100% do complemento salarial en caso de IT, os artigos substraídos do Convenio Colectivo, os 9 moscosos... Pois terán que ir afinando que no 2016 temos eleccións no noso país e os datos macroeconómicos din que pintan mellor pero non así os datos das enquisas.

O 24M marcou un antes e un despois e agora o PP está disposto a recorrer ao endebedamento para devolver un novo cuarto da paga extra de 2012, entre outras medidas para reconciliarese coas empregadas e empregados públicos. Semella ademais que hai presa de sacalo antes das eleccións xerais que vai ir como RD e non coa lei de acompañamento dos Orzamentos, todo co obxectivo de que poida entrar en vigor xa este ano, e non só cobrar ese cuarto de paga extra en outubro, senón tamén poder gozar o 6º día de asuntos propios, os canosos e os días adicionais de vacacións este ano 2015.

Ben, como non, queren reconciliarse con nós a cachos, pois semella que nos están devolvendo pagas extras todos os días. Como calquera persoa coas que a Administración teña débedas, nós preferimos cobralas todas xuntas, mellor que en cómodos prazos eleitorais.

Curiosamente, agora xa non hai o problema de que a débeda pública bata records, nin nos din como no 2012 que o persoal público somos "ineficientes"... agora só destacan que todos os índices macroeconómicos son xa os anteriores que tiñamos á "crise". Todos? Todos non; todos salvo os que afectan á clase traballadora onde a "recuperación económica" aínda non chegou.

O caso é: que pasa co noso país? que pasa na nosa Administración? En Galiza hai eleccións no 2016, os datos dos que presume Feijóo son mellores que os da Administración Xeral do Estado. E a pesar disto, aquí só falan de aplicar o que din desde Madrid e ante iso, recordámoslle que os recortes na Xunta de Galiza foron moito maiores. En efecto, o que supón a recuperación dos días mosocosos, canosos e adicionais de vacacións ten unha aplicación directa; o da recuperación do 2º cuarto da paga extra do 2012 precisa adaptación vía lei autonómica que previsiblemente se faga entre setembro e outubro (teñen vontade política de facelo). O que non teñen vontade política é para o seguinte:

Pagas extras completas

Non falamos só de volver cobrar o complemento específico (ou equivalente para o persoal laboral), senón os efectivamente deixados de percibir desde 2013, por non falar da parte devengada deste complemento na paga de xuño de 2013, coa que nos están obrigando a ir á Xustiza aínda que saben que temos a lei do noso lado e mesmo nos dá a razón a propia representanción letrada da Xunta nas vistas.

En principio hai unha folla de ruta no aire (que non contén a lei) que fala de cobrar un 33% do complemento específico nas pagas extras de 2016, un 66% nas de 2017 e o 100% xa no 2018. Agora ben, esto depende puramente da vontade política de facelo e do que en cada Orzamento anual decidan meter nese "fondo retributivo" do que fala a Lei de Emprego Público.

Non nos vale o de que "a lei é a que é" cando vai pouco que fixeron esta lei, vai pouco que alegamos e vai pouco que non quixeron facernos caso nin o PP da Xunta, nin o PP do Parlamento, coas súa maioría absoluta. As leis pódense cambiar pois o mesmo Feijóo xa anunciou que van modificar a propia lei para devolvernos antes da eleccións xerais o 2º cuarto da paga extra tamén aquí.

Visto que van facer unha modificación lexislativa e que están cos Orzamentos para o ano que vén, que "a recuperación económica é sólida" e que "Galiza ten mellores cifras de déficit", insitimos en que as pagas extras querémolas completas agora, non nun hipotético futuro. Por suposto, é necesario falar tamén dun plan de recuperación do 30% do poder adquisitivo perdido, entre o que estarían os complemetnos específicos efectivamente deixados de percibir.

Recortes consolidados na lei de emprego público e postos públicos destruídos

Temos aínda o Fondo de Acción Social suspendido, faltan 3 moscosos para recuperar o status quo dos 9 anteriores á lei temporal de medidas, seguimos pagando por enfermar.... Recordamos que Feijóo mentiu e o que nos decía no 2012 que ía ser temporal, consolidouno no 2015 coa lei de emprego público ao deixar o número de moscosos no mínimo que establece o EBEP e os descontos no salario por incapacidade temporal.  Pedimos a recuperación dos artigos suspendidos do V Convenio Colectivo, entre eles o 19 que regulamenta o dereito ao descanso en domingos e festivos para o persoal que traballa a quendas. Eso por non falar da recuperación dos 5.000 postos públicos da Administraicón autonómica destruídos desde o 2010 e que terminaron coa privatización ou a precarización de varios servizos públicos.


 Novas relacionadas:


Solicitude de ditame ao Consello de Estado para aprobar medidas que afectan aos empregados públicos e diversos créditos extrarodinarios

Nova medida anunciada polo Goberno para reconciliarse coas empregadas públicas e outras medidas non tan novas

Cales dos acordos da "recuperación económica" do persoal público que se decidan en Madrid atravesarán o Padornelo?

Montoro de rebaixas: oferta 1% de suba, 1 dia de AP e subir a taxa de reposición...







Ningún comentario:

Publicar un comentario