mércores, 23 de decembro de 2015

A Xunta eleva para 2016 o límite dos contratos a dedo

Unha emenda do grupo popular no parlamento galego ao Proxecto de Lei de ordenación de asistencia xurídica eleva os límites actuais para os contratos menores da administración galega de 25.000€ ata 50.000€ no caso de obras e de 9.000€ ata 18.000€ para o resto. Tamén  se elimina a obrigatoriedade de solicitar 3 ofertas. Isto pasou case sen pena nen gloria entre a opinión pública.

A anterior emenda vén nun momento crítico  para o PP no que o ano que vén xóganse a Xunta. Non esgrimen máis razóns para esta modificación que "unificar o criterio co que establece a lexislación básica" pero nada fala das razóns de oportunidade eleitoral.

A Lei de Contratos do Estado establece desde 2011 que os límites para contratos menores son de 50.000€ e 18.000 para obras e outros, respectivamente. Porén, no 2013, e a través da Lei de racionalización do sector público galego, o PP galego rebaixara eses límites á metade e máis impuxera a obriga de obter ata 3 ofertas de empresas non vinculadas co obxecto de conseguir unha "contratación transparente e que fomente a competencia".

Os distintos departamentos da Xunta recorren aos contratos menores con frecuencia e xunto cos negociados sen publicidade acadan unha cantidade de euros que na Xunta non está publicada en nigures. Para facernos unha idea, baste dicir que nos ministerios estes contratos son o 60% dos totais. Son métodos de contratación pública sen transparencia, sen moita ou nengunha concurrencia e totalmente discrecionais,  nos que a cotío se escoita falar de "troceo", "dedo" e "caciqueo" e que pola súa "escasa entidade" poden esconder detrás importantes casos de corrupción.

Agora, precisamente agora, cambian de parecer e mesmo empregan un proxecto de lei que non semella o máis apropiado pero é que o tempo de introducir emendas na lei de acompañamento dos orzamentos para o ano 2016 xa pasou. 

O PP deféndese decindo que co proxecto de Lei de transparencia e bo goberno hai intención de facer publicos trimestralmente no portal web da transparencia información básica dos diferentes contratos menores que se vaian subscribindo. Iso si, unha vez a adxudicación xa está feita, non no DOG e non o contrato senón información como obxecto, importe, licitadores e identidade do contratista. A ver se o fan realmente e non como esa obriga legal que teñen de publicar as retribucións de todo o persoal eventual e que non cumpren.

Elección da Dirección e Consello de Administración da CRTVG  tamén a dedo

A disposición derradeira cuarta da lei de acompañamento dos Orzamentos tamén vai na mesma dirección que a modificación dos limites dos contratos menores. Esta disposición resulta polémica porque establece unha prórroga que retrasa a designación destes órganos por unha maioría cualificada do Parlamento galego (como recolle a lei do ente) e non por maioría absoluta como aínda se manteñen na actualidade. Isto implica unha clara aposta polo control político do medio público nun ano determinante para os intereses do partido no Goberno

Fonte (contratos a dedo)

Fonte (control total da CRTVG)

Fálase en:

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/27320-xunta-duplica-2016-limite-contratos-dedo

Ningún comentario:

Publicar un comentario