xoves, 17 de marzo de 2016

Anuncios (e propaganda) en materia de retribucións para o persoal público da Xunta de Galiza

Nada fala o conselleiro de Facenda de devolver o que recoñece a Xustiza sobre as pagas extras de 2013, nin por suposto do resto de recortes aínda non recuperados.  

 

Pola contra, si fala de que 2017 volveremos a cobrar os complementos específicos nas extras... mais non hai nada por escrito e este ano hai eleccións.


Outra vez volvemos ver ateigados os medios galegos da boa nova de que "a Xunta devolverá aos seus empregados o que resta da paga extra de 2012". Así cada pouco: antes dos Orzamentos, coa aprobación dos Orzamentos, agora e seguramente cando cobremos en dous cómodos prazos o 50% que aínda non nos devolveron desa paga extra atrasada; xa parece que nos estean dando extras todos os meses. Nunca un recorte lle resultou tan rendíbel politicamente. 

De feito, este ano a percepción psicolóxica será que teremos catro pagas extraordinarias, catro nóminas "máis altas do normal", pero non nos deixemos levar pola euforia pois están, unha vez máis, utilizándonos, xogando con nós electoralmente e tomándonos por parv@s. O único que ten de bo é que cun mes de antelación saberemos que en abril cobraremos un pouco máis e, ao mellor (vendo os precedentes, só ao mellor) en setembro cobraremos tamén un pouco máis do que deixamos de cobrar vai para 4 anos.

 

Migallas electorais co noso pan reseso


Onte anunciaba o mesmísimo conselleiro a bombo e prato aos sindicatos (aos medios en realidade) que ese 50% que restaba por devolvernos da paga extra de Nadal de 2012, iso que xa era noso, vánnolo devolver un 25% coa nómina de abril e outro 25% coa de setembro.  A ninguén se lle escapa que estamos en ano electoral e pode que por duplicado. Non imos a insistir no evidente. 

O que non é tan evidente é que hai sentenzas enriba da mesa que lle obrigan a devolver unha parte da paga extra de 2013 que non pagou e da cal segue sen mencionar na folla de ruta que vai trazando a golpe de oportunismo electoral (simplemente di "que o estudarán", xa, como se non o tivesen de sobra estudado que o tema non é tan complexo e vén de lonxe). Tampouco resulta evidente que vaia propoñer retirar a Lei de medidas que segue en vigor (falan de que o miraran a finais de ano...) e algunhas das cales xa están consolidadas na actual Lei de emprego público como a de "pagar por enfermar" ou o recorte de días moscosos.

O máis gracioso de todo é que di outra vez (xa o prometeu a finais do ano pasado) que no 2017 cobraremos as pagas extras co complemento específico, ollo non completas, que para iso o compoñente soldo e trienio das extras debería ser igual ao dun mes normal e desde 2010 non o é. Pero é que anteriormente xa falara de que este ano cobraríamos un cacho de complemento nas extras que non imos cobrar. Como ten o rostro de dicir agora, sen orzamento, cunhas eleccións polo medio, con continuos requirimentos da UE a conter este ano o déficit das comunidades autónomas, como ten o valor de dicir que no 2017 cobraremos ese complemento!? Vivan as promesas electorais sen fundamento onde sostelas. Sr. conselleiro, o que volve a dicir non é serio, non ten base e vostede sábeo.

Iso por non falar do resto de dereitos recortados desde 2010 (salariais e non salariais) dos que vimos reivindicando a miúdo e reivindicamos cando se preparaban os Orzamentos para este ano. O máis triste é que sendo gratis falar, neste sentido nin quere oír falar da recuperación destoutros dereitos "en función de como vaia a economía" por exemplo. Nada. Como xa dicimos nin fala de devolver o que a Xustiza recoñece no 2013, nin de recuperar os complementos detraidos durante estes anos, ni do resto de dereitos. Ao fin e ao cabo, as traballadoras e traballadores públicos non somos para estes gobernantes máis que un capítulo do orzamento que saquear impunemente.

Estamos ata o gorro que xoguen con nós, que nos vendan a devolución dos nosos cartos retidos en 2012, tarde, mal e sen xuros de demora, como se fose unha regalía ou unha demostración de bo goberno. Un goberno que para conter o gasto público recorre en primeiro lugar ao soldo do seu persoal traballador, mentres pola outra parte gástao con fartura nas privatizacións, non é un bo xestor. Todo isto aderezado de poñernos aos pés dos cabalos e presentar os nosos dereitos como privilexios ante a opinión pública. O pagamento de facturas a provedores establécese de media en 30 días (a pesar de que logo se vaia máis lonxe nos casos concretos); o pagamento de atrasos ao persoal público vai ata os 4 anos, polo que anuncian, e non pasa nada... ou si?

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario