luns, 14 de marzo de 2016

Puntuación provisional concurso xeral esta semana e primeiros exames promoción interna en maio

Na semana pasada o director xeral da Función Pública ratificouse nas datas que vén facilitando desde finais de xaneiro para os primeiros exames dos procesos selectivos de corpos xerais convocados o 18 de xuño de 2015. Insiste en que promoción interna serán en maio e os de acceso libre en xuño; de momento non teñen as datas pechadas e non saben por que grupo comezarán.  

Por outra banda, outro dos temas polo que máis preguntades, di agora o director que a baremación provisional do concurso de corpos xerais que vai saír esta semana (do 14 ao 18 de marzo). A semana pasada xa avanzábamos que "con sorte" poderíamos ver publicada a baremación provisional a semana do 7 ao 11 de marzo; de feito esta foi a última prevsión do director que vai sumando +1 semana cada semana que pasa. De feito, xa avanzábamos nesta nota que "a finais de febreiro" podía querer dicir "a mediados de marzo".

Preguntades tamén a confianza destas datas máis tendo en conta os antecedentes. Pois precisamente tendo en conta os antecedentes non é para fiarse demasiado ata que o vexamos publicado. Ter a xente pendente dun concurso, dun proceso selectivo, sen poder organizarse, non é serio. E logo falarán da conciliación e da familia.

Noutro orde de cousas, a semana pasada falouse bastante de procesos selectivos:

- Bióloxía, Química, Enx. Téc. Industrial, Estatística, Letrados/as: levouse a Mesa Xeral o xoves, 11 de marzo; poucos ou escasos cambios respecto das nosas alegacións: temarios específicos de Bioloxía e temarios específicos de Enx. Téc. Industrial.

- Veterinaria: publicado no DOG o temario do proceso selectivo; en abril mandarán o borrador das bases.

- Gardacostas: "están traballando na convocatoria"; non descartan probas físicas.

- Informática A1 (OPE 2014, 4 prazas): convocatoria no "primeiro semestre".

- Escalas especiais OPE 2011 (en destino provisional): previsión de marzo-abril convocatoria para elección de destino definitiva.

E algo de RPTs:

- AMTEGA: levouse a Mesa Xeral do xoves, 11 de marzo, unha micro modificacion ad hoc (sen cambios nos borradores). Sobre a homologación salarial do persoal do grupo III-91 madaron un cadro das retribucións de todo o persoal laboral disociada por número de efectivos pero nada máis, nin proposta de avanzar na homologación, nin data de reunión...

Ningún comentario:

Publicar un comentario