martes, 27 de decembro de 2016

A CIG lanza unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos

Está prevista unha manifestación nacional o 28 de xaneiro; mobilizacións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar folga xeral contra o mes de maio


O secretario xeral da CIG , Suso Seixo, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, para anunciar unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos laborais e sociais que, polo momento, se traduce na convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela, o 28 de xaneiro, en defensa das pensións; concentracións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar cara os meses de abril ou maio a convocatoria dunha folga xeral.


Seixo lembrou os dereitos laborais e sociais que se perderon nos últimos anos a consecuencia das últimas reformas en materia laboral, de negociación colectiva, de pensións e mesmo de liberdades públicas. Reformas que provocaron unha enorme precarización das condicións laborais, tanto pola devaluación dos salarios que se produciu, como pola perda de calidade do emprego, cun incremento significativo da flexibilidade da xornada laboral e con contratos a tempo parcial que “agochan moitas veces unha contratación fraudulenta xa que unha cousa é o número de horas que figuran no contrato e outra as que realmente se fan”, denunciou.

Sinalou como proba diso o relevante incremento do número de horas extraordinarias que se están a facer que nin se cobra, nin se cotizan e denunciou o descolgue de moitas empresas dos convenios colectivos. “Hoxe, ademais das dificultades que hai para negociar os convenios, moitos están decaendo como consecuencia de reducir a una ano a ultraactividade”

A isto engadiu o deterioro dos servizos públicos e os problemas derivados da suba do subsidio de desemprego de 52 a 55 anos, pasando ademais de ser un dereito individual a vinculalo á renda familiar o que deixou a xente maior de 55 anos “nunha situación dunha enorme dureza  a nivel persoal porque ten moitas dificultades para ter uns ingresos mínimos que lles permitan entrar nunha idade na que se podían xubilar”.

Novo escenario político


 O secretario xeral da CIG explicou que isto fíxose tendo o PP tiña maioría absoluta o que posibilitou que se puideran impor todas estas reformas e mesmo en moitos casos satisfacer reivindicacións históricas da patronal que aproveitaron esa maioría absoluta para que se efectivizaran, como todo o que ten que ver coa reforma da negociación colectiva.

Porén, “é evidente que esa non é a situación actual”, afirmou e engadiu que hoxe “o PP está gobernado sen maioría absoluta”. Por iso a CIG entende que este novo escenario político pode permitir tirar abaixo moitas das reformas que se fixeron e recuperar dereitos perdidos. “É certo que isto vai depender moito da entente que está habendo entre o PP e o PSOE e non sabemos até que punto o PP está disposto a facer concesións ao PSOE, nin sabemos até que punto o PSOE está disposto a chegar algún tipo de pactos co PP que lle permitan gobernar sen facer  grandes cambios en algo que hoxe a maioría da sociedade reclama tano en materia de pensións, como de condicións laborais, como de liberdades públicas”. 

Batería de reivindicacións


Seixo tamén apuntou toda unha batería de reivindicacións que a CIG quere trasladar ás diferentes administracións co respaldo da mobilización social e que  se concretan, ademais de na derrogación de todas esas reformas, na da LOMCE e a do artigo 315.3 do Código Penal, que “está sendo utilizado polo poder para impor fortes sancións a membros dos piquetes, por suposto atentado do dereito ao traballo con solicitudes de penas que van de tres anos de cadea para arriba”.

Xunto a iso, a central sindical demanda a eliminación das subvencións xenéricas á contratación, que ademais entende que están contribuíndo a baleirar o Fondo de Reserva que das pensións; a eliminación da contratación a tempo parcial de carácter involuntario ou as subcontratacións en cadea, que se están utilizando precisamente desde as grandes empresas para externalizar emprego e para precarizar as condicións laborais.

Tamén pide a supresión do IPREM, como índice de referencia para acceder ás prestacións públicas e que se tome como referencia a eses efectos o SMI; a creación dun salario de inserción laboral, demanda histórica da CIG, para toda aquela xente estea no desemprego e non cobre ningún tipo de prestación e o incremento do SMI ao 60% do salario medio, “polo tanto por enriba do que se pactou, entendemos que tiña que estar en torno aos 800€”.

Seixo defendeu a necesidade dunha nova política fiscal coa que paguen máis quen máis teñen vinculada aos impostos directos , sobre a renda, e non co incremento dos impostos indirectos, como se fixo nos últimos tempos e camiñar cara a implantación ou constitución de bancas públicas que apoien unha nova política crediticia para as familias e pequenas empresas.

A CIG tamén reclama a redución da xornada laboral a 35 horas e apoio aos sectores produtivos. 

Non se descarta recorrer á convocatoria de folga xeral


 O secretario xeral da CIG asegurou que se tras esta campaña de concienciación e de acumulación de forzas non se aproban no Congreso medidas que permitan a recuperación de dereitos perdidos “non descartamos, cara o mes de abril ou maio promover unha nova convocatoria de folga xeral a nivel de Estado que pretendemos poñer en común co resto de organizacións sindicais. Parécenos que non podemos desaproveitar o momento no que a dereita e o PP non teñen maioría absoluta”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario