xoves, 22 de decembro de 2016

Cambio do sentido do silencio nas reclamacións retributivas

Entre o proxecto de lei de acompañamento dos Orzamentos 2017 colaron un artigo (o 40) adicado a nós. O dito artigo establece o sentido do silencio desestimatorio en reclamacións retributivas formuladas polas empregadas e empregados públicos da administración xeral e do sector público autonómico de Galiza. Pensaredes que é algo evidente pero non o é tanto cando até estaba formulada unha cuestión de constitucionalidade con relación a isto.

Este cambio lexislativo deriva da campaña de reclamación das pagas extras 2013 que ao final acabou coas sucesivas derrotas en vía xudicial do Goberno de Feijóo e devolución de facto coa nómina de agosto. Para o persoal funcionario rexe a vía do contencioso-administrativo e nesta operan os sentidos do silencio. Foi tanto o pasotismo (e prepotencia) da Xunta que ao final acabouno pagando... e tanto. Aquí tes a explicación.

Na Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2010 xa intentara a Xunta cambiar o sentido do silencio das reclamacións retributivas, daquela para o persoal do Sergas. A cousa chegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e de alí ao Tribunal Constitucional (TC) vía cuestión de constitucionalidade.

Pois ben, tras moito agardar, en setembro deste ano o Pleno do TC desestimou a cuestión e remata dicindo que  o silencio ten efecto desestimatorio «nos procedementos de impugnación de actos e disposicións», tanto para o persoal do SERGAS como para o resto do persoal da Comunidade Autónoma, polo que neste punto tampouco existe diferencia algunha de trato que deba ser examinada polo Tribunal.

Esta sentenza e os restultados deste ano 2016 das reclamacións de cantidades da paga extra 2013 feitas desde a CIG que foron estimadas por silencio son os precedentes deste artigo que xunto o resto, e por arte de maioría absoluta, será lei en breve sen grandes cambios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario