xoves, 18 de xaneiro de 2018

Resumo da xuntanza do Comité Intercentros coa Dirección Xeral da Función Pública: 16/01/2018

Tras varias solicitudes do Comité Intercentros, o día 16 de xaneiro a DXFP convoca a unha xuntanza informativa ao máximo órgano de representación do persoal laboral na Xunta de Galicia, na que se trataron os seguintes temas: concurso de traslados, proceso de estabilización, xubilación parcial, adscricións temporais, postos en incapacidade permanente total, entre outros.


CONCURSO PERSOAL LABORAL 


Están acabando co traballo de agrupación en Áreas Funcionais dos Grupos IV e V e prevén presentalo conxuntamente cos criterios para rematar a negociación; data prevista primeira semana de febreiro. As convocatorias  do resto de grupos irán saíndo conforme se vaian aprobando os distintos procesos de estabilización que lles afecten.

Ao respecto da posibilidade de convocar concurso de traslados entre distintas administracións públicas, considérano complexo neste momento e só está previsto para persoal funcionario. Non teñen inconveniente en estudiar o tema sempre que se poidan abrir prazas a outras administracións nas RPTs e se acade acordo coas Organizacións Sindicais. 

Levan anos dándolle voltas a este previsible borrador, tomándonos o cabelo, pendentes sermpre doutras cuestións que nunca chegan. Non hai concurso de traslados pero sí hai adscricións temporaris e superiores categorías a mans cheas. O persoal laboral leva sen concurso desde 2011 e logo temos que escoitar o dos concursos anuais ou do concurso permanente...

PROCESO DE ESTABILIZACIÓN


Están traballando na confección da OPE de 2018 onde irá un "número importante de prazas" cos criterios que se establecen na LPGE, que incluirá prazas de: 
  • Persoal laboral indefinido non fixo. 
  • Persoal anterior a 2005. 
  • Prazas ocupadas temporal ou interinamente ao menos entre 31/12/13 a 31/12/16
A idea da Administración é que unha vez se acouten as prazas, agrupalas para realizar procesos por categorías. O sistema será o de concurso-oposición, onde a fase de baremo de méritos acadará o máximo que permite a lexislación: o 40%. Todas as prazas de categorías que correspondan a escalas, conforme á norma legal, serán realizadas con carácter funcionarial; o tempo correspondente aos servizos prestados como persoal laboral será computado para ese acceso á condición de persoal funcionario.

A previsión é que neste mes se comece a traballar no seo da subcomisión correspondente, abrindo un buzón de postos para axilizar a comprobación dos supostos de aplicación que se establece no Acordo e na LPGE. A aprobación da OPE correspondente será realizada conforme ao procedemento que establece a LEPG e EBEP.

Eliminación, de facto, do artigo 9 do V Convenio colectivo - "Quenda de promoción interna e cambio de categoría" . Ao convocarse as vacantes de persoal laboral como de persoal funcionario das escalas creadas pola Lei do Emprego Público e a dos orzamentos do 2018, elimínase a fase de promoción interna.


XUBILACIÓN PARCIAL


Os expedientes tramitados ata o de agora son 835. A xubilación especial aos 64 anos formula o problema de que a persoa interesada debe ter solicitada e concedida previamente a xubilación parcial anticipada de relevo, o cal pode crear dúas situacións: 
  • Se a persoa relevista acepta o contrato a tempo completo derivado desa nova situación de xubilación especial, non existiría problema ningún. 
  • Se a persoa relevista non acepta ampliar á xornada ao 100%, poderían darse dous supostos:
    • Se a consellería ten unha vacante que se poida cubrir ao 100%, non habería problema e se concedería.
    • Se a Consellería non ten outra vacante, denegaríase.
A Administración non a contempla a posibilidade da acumulación nun só período do tempo de xubilación parcial, en atención a dúas cuestións: 
  • A xubilación é un pacto entre partes, e unha das partes non vai a estar de acordo (a Administración) 
  • As sentenzas que existen non admiten a dita posibilidade con carácter xeral. 
A Administración manifestase a favor do estudo dun novo acordo de xubilación parcial anticipada dentro dos parámetros legais actuais, é dicir, máximo do 50%. Comprométense a analizar os motivos polos que de momento non entra nos supostos o persoal laboral temporal.


ADSCRICIÓNS TEMPORAIS


A Administración pretende probar dentro do Grupo V que se arbitre a posibilidade de que o persoal de distintas categorías dentro do mesmo grupo poida solicitar postos en adscrición antes de acudir ás listas de contratación. Quedaría condicionado a aquelas categorías nas que exista un recoñecemento médico ou probas de aptitude física. 

En todo caso, retomarán o documento consensuado e remitido polo Comité Intercentros sobre esta cuestión e no que se solicitaba que se abrise esta posibilidade a tódolos grupos profesionais e non so ao grupo V. Sobre a publicidade na web da Xunta dos postos en adscrición farán un seguimento para que todas as consellerías cumpran co precepto da publicidade.


POSTOS EN INCAPACIDADE PERMANENTE TOTAL


Hai 22 solicitudes. A Administración pretende ter unha proposta para presentar á Comisión Paritaria, sobre esta cuestión. Son conscientes de que existe rexeitamento en determinados casos por parte de MUGATRA, unha vez que a praza é aceptada e adxudicada; así como tamén da tardanza da Mutua nas valoracións.

VARIOS


  • Permiso de asuntos propios persoal a quendas: non teñen previsto ningunha novidade ao respecto do goce dos APs, que non sexa o que está nas actuais instrucións.  Así, o persoal laboral a quendas continúa con menos días de libre disposición e, ademais, sen a compensación polo non goce de horario de verán.
  • EVOs: din que unha vez asinado o concurso SERGAS estase traballando para diminuír as listaxes de espera a un máximo de 2 meses. En todo caso, senón se consegue sempre se pode acudir á vía que se está realizando noutras Comunidades Autónomas (alusión velada a unha posible externalización?). 
  • Negociación dun novo decreto de listas: non está previsto, na súa totalidade, si é posible que se necesite adaptar determinadas cuestións por motivos informáticos. 
  • Derrogación Lei 1/2012 e artigo 19: dará traslado ao conselleiro. Forma elegante de dicir que NON. Consolidación da Lei 1/2012 de recortes  e de suspensión dos artigos do convenio colectivo, así como a continuación nas distintas leis de orzamentos anuais da suspensión dos descansos. Sen fondo de acción social, sen compensación por domingos e festivos traballados, sen comedor....... 
  • Permutas entre persoal laboral temporal: analizarán a recente sentenza do Tribunal Constitucional, e si procede instarán a unha modificación do V Convenio Colectivo no sentido que na mesma se estableza. 
  • Proceso de Camareira/o limpador/a: publicación en febreiro. 
  • Proceso de Auxiliar de enfermería: sairá como persoal funcionario, e polo tanto pendente da negociación da OPE de estabilización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario