mércores, 28 de febreiro de 2018

O deber inescusable de coidar ás crianzas enfermas: solicitamos a mesma interpretación que na Administración Xeral do Estado

Un deber que da lugar a un permiso na Administración Xeral do Estado


A CIG solicitou á Dirección Xeral de Función Pública a reunión da comisión de seguemento de vacacións, permisos e licenzas, co fin de que se recolla, ao igual que na Administración Xeral do Estado, que o coidado domiciliario das crianzas, sempre que se acredite mediante certificado médico, é un deber inescusable que dá dereito a un permiso polo tempo necesario.

Para o Ministerio de Hacienda e Función Pública a paternidade constitúe unha obriga persoal de carácter inescusable para a persoa titora, polo que o traballador ou traballadora poderán acollerse ao permiso por deber inescusable de carácter público para subministrar coidados domiciliarios ás súas crianzas, sempre que a dita necesidade se acredite mediante certificado médico.

Cambios nas ordes das convocatorias de procesos selectivos de cara a Comisión de Persoal

As ordes das convocatorias das 487 prazas de corpos xerais acumuladas de ofertas públicas anteriores van quedando perfiladas. A continuación, deixámosvos unha descrición dos principais cambios, así como o acceso aos borradores que sufriron estes cambios e que moi probablemente xa se convertirán nos definitivos que irán ao DOG

Todas as convocatorias levan esta mención: A realización deste exercicio non terá lugar antes dos dez (10) meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG. Agora que sabemos ata cando non vai ser o primeiro exame, estaría ben saber cando se van publicar no DOG e especialmente que "non terán lugar despois de..."

A Xunta abre o prazo de inscripción nas listas de emprego temporal da administración galega

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 de marzo, ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 26. Delas, sete listas son para traballar como persoal funcionario interino e 17 para traballar como contratado laboral, ás que hai que engadir outras dúas para persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

luns, 26 de febreiro de 2018

A CIG recorre o tribunal da escala de veterinaria por ser contrario a Dereito

A CIG ven de recorrer a orde da Consellaría de Facenda mediante a que se designou o tribunal que vai xulgar o proceso selectivo de acceso ao Corpo facultativo superior do subgrupo A1, escala de veterinarios.

Das cinco persoas nomeadas como membros dese tribunal, tres delas (o presidente e dous vogais) son da escala de veterinaria. As outras dúas (a secretaria e unha vogal) son funcionarias do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Isto vulnera gravemente o Decreto 95/1991 polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Comunidade Autónoma de Galicia . Do mesmo xeito tamén se ven vulneradas as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección que din, expresamente que Os tribunais que xulguen as probas selectivas relativas a persoal funcionario non poderán estar compostos maioritariamente por funcionarios/as dos corpos ou escalas de que se trate. Así mesmo, ningún membro terá titulación inferior á esixida para ser admitido/a ás probas.
 

2 de marzo: asembleas da folga do 8 de marzo nos Servizos Centrais da Xunta

Este venres, 2 de marzo, terán lugar dúas asembleas informativas sobre a folda de mulleres do 8 de marzo nos Servizos Centrais: 
  • 10:30h: San Caetano, salón de actos, nº2
  • 12:30h: San Lázaro, salón de actos de Sanidade
Estarán con nos: Lucía Freire Ces, secretaria da Muller da Comarca de Compostela, e Carolina Castro Baamonde, secretaria da Muller da Federación da Administración Pública. 

Sóbrannos razóns para irmos á folga! Máis información

mércores, 21 de febreiro de 2018

Feijóo vota en contra da supresión da lei de medidas "temporais" do 2012

Lembrades cando o propio Feijóo dixo aquelo de "non lle podo pedir máis ao noso persoal público"?  Era xullo de 2012 e acababan de secuestrarnos a paga extra de nadal, secuestro que duraría anos. Pouco despois, Feijóo volvería a innovar en recortes no sector público, coa supresión do complemento específico da paga extra durante 3 anos. O martes, 20 de febreiro, volveu a dicir unha cousa e facer o contrario.

Este 20 de febreiro debateuse no Parlamento de Galiza a proposición de Lei, presentada pola organización política EN MAREA para a derrogación da Lei 1/2012, de medidas temporais do emprego público de Galiza excepto a suspensión do plus dos ex-altos cargos.

Galiza foi o laboratorio de probas dos recortes contra as traballadoras e traballadores públicos desde a implantación a comezos do 2012 da nosa propia lei de medidas; logo viría a do Estado español. Esas medidas ben que anunciaron que ían ser temporais e logo ou aí quedaron ou mesmo as incorporaron á lei de emprego público como a do desconto na nómina por incapacidade temporal independentemente do cadro de persoal de baixa, por certo, polo que moito sentido do aforro non ten, senón máis ben punitivo.

Continúa a recollida de sinaturas para levar o Parlamento a ILP contra a eucaliptización de Galiza


Dispós tamén de follas oficiais da recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) no noso local sindical de San Caetano.


Este xoves 22 instalaranse novas mesas en Compostela e Arzúa


As organizacións promotoras da ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”, entre elas a CIG, continúan coa intensa campaña de recollida de sinaturas de apoio entre a veciñanza dos distintos concellos do país. Este martes estiveron na Póboa, o xoves, día 22 de febreiro estarán en Compostela  e Arzúa, o día 15 de marzo en Noia; o 17 en Ribeira; o 25 en Melide e o 31 en Santa Comba. Tamén se están presentando mocións de apoio nos concellos do país.

Resolucións de listas de substitución da Xunta

O próximo día 28 de febrero publicará no DOG as seguintes resolucións de listas de substitución temporal segundo a información que nos achegou Función Pública:
  • Actualización de méritos ano 2017
  • Acordo das consellerías de Facenda e Medio Rural de encomenda de xestión de listas á Consellería de Medio Rural.
  • Apertura do prazo de inclusión en listas.

martes, 20 de febreiro de 2018

Segue adiante a folga indefinida no sector de xustiza mentres a Xunta "enroca" as negociacións

Rachan as conversas e o comité pide unha nova interlocución para desbloquear o conflito


Segundo día de reunións maratorianas na EGAP entre o comité de folga de Xustiza e a Xunta de Galiza e segundo día no que a administración galega "enroca as negociacións" presentando propostas que mesmo empeoran as ofertas anteriores en puntos nos que había certo entendemento e pretendendo xogar ao desgaste e á división. Unha tensión que finalmente acabou por rachar as conversas a media tarde deste martes e co comité demandando unha nova interlocución que permita desbloquear a situación. Fronte "ás bafaradas de gasolina que bota a Xunta" sobre o conflito, a resposta dos traballadores e as traballadoras segue a ser o seguimento masivo da folga indefinida iniciada o pasado 7 de febreiro.

Planificación da reforma do edificio administrativo de San Caetano

A Unión Europea ten posto en marcha un progama de apoio á eficiencia enerxética en edificios; a este programa subvencionado en parte por fondos comunitarios sumouse a Xunta de Galicia para fornecer a envolvente térmica dos edificios máis antigos do complexo de San Caetano e amáis desenvolver un plan de aforro enerxético na iluminación do edificio.

Así en Novembro do ano pasado aprobouse o proxecto de obra realizado por Ela Enxeñeria cun orzamento de algo máis de 6.000.000 de euros e que será en breve licitada a obra .

Todo o proxecto se pode ver no  seguinte enlace de contratos de galicia https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=219204.

Dende da Xunta de Personal e unha vez coñecida a intención da Xunta de reformar o edificio solicitamos xa a mediados do ano pasado unha reunión para coñecer os pormenores da obra e esta reunión tivo lugar o pasado venres 16 de febreiro, onde nos fixeron unha presentación concreta das actuacións a desenvolver.

A EGAP convoca 42 cursos en materia de idiomas

A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 20 de febreiro 42 actividades de formación continua en materia de idiomas e 1620 prazas, con cursos específicos de lingua inglesa, francesa, alemá, portugesa e de signos.  

Persoas destinatarias: o persoal ao servizo da Administración autonómica, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galicia e da administración e servizos (PAS) das tres univesridades galegas.

Matrícula: desde as 8 horas do 21 de febreiro ata as 23.55 horas do 2 de marzo na zona de matrícula da EGAP (http://egap.xunta.gal/matricula). O número máximo de cursos que se poden solicitar limítase a tres.

luns, 19 de febreiro de 2018

Os borradores de convocatorias de procesos selectivos de corpos xerais chegan á Mesa Xeral

Achéganos Función Pública os últimos borradores das conovocatorias das 487 prazas de procesos selectivos de corpos xerais (OPE 2017 acumuladas) e das escalas de informática (OPE 2016). Estes borradores irán á Mesa Xeral o mércores, 21 de febreiro, e posteriormente á Comisión de Persoal (data por determinar), onde non se espera que cambie "demasiado". Por certo, aínda segue sen cubrir o apartado de "o primeiro exame non será antes de...".

venres, 16 de febreiro de 2018

Resumo do Pleno da Xunta de Persoal do 14/02/2018

O 14 de febreiro tivo lugar un Pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais no que se trataron varios temas: apoio ás mobilizacións do persoal de Xustiza, queixa á Valedora do Pobo sobre RPTs, comunicado en contra da represión da liberdade de expresión, asuntos de trámite e varios.

Xuntanza polas vindeiras obras en San Caetano e outras deficiencias de infraestrutras

A reunión estivo  centrada na explicación por parte dos arquitectos que elaboraron o proxecto de rehabilitación de San Caetano e foron convocados tanto membros da Xunta de Persoal como do Comité de Empresa.

Pola Administración estiveron presentes a secretaría xeral técnica, o vicesecretario, subdirector de servizos transversais e xefe do servizo.

Basicamente os datos son que baixo o paraugas dun fondo europeo de mellora térmica vaise acometer unha obra (sobre 4 millóns de euros) que vai a afectar exteriormente aos edificios históricos (os tres frontais, Medio Rural e palacete), e que vai supoñer:

A EGAP convoca o Plan formativo ofimático de Galicia

Este ano por vez primeira as probas de avaliación estarán descentralizadas. O prazo de matrícula remata o 26 de febreiro.


No DOG do  16/02/2018 publícase a convocatoria da EGAP, de xeito conxunto, das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia.  Son un total de 1900 prazas nun total de 10 accións formativas, todas elas baixo a modalidade de teleformación.

O certificado que acredite a superación das actividades formativas que compoñen este plan ofimático permitirá obter a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), de acordo co Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

xoves, 15 de febreiro de 2018

Miles de traballadores/as de xustiza maniféstanse nas sete cidades galegas

A pesar do seu compromiso, a Xunta aínda non convocou unha nova xuntanza para seguir negociando. Ao remate das manifestacións deuse lectura ao comunicado de apoio á folga emitido pola xunta de Persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta

Comunicado liberdade de expresión: "Si hay tuiteros en prisión es porque lo merecen, esto no es Venezuela"

Nos últimos tempos estamos asistindo a un recrudecimento da persecución pola vía penal de certos actos que recordan a outro tempo. No estado español existe un dos códigos penais máis duros da Unión Europea e dos que se utiliza para reprimir a liberdade de expresión, mobilizacións e organización política como sufrimos a diario. A propia Xunta de Persoal veu recrudecer a atitude da Xunta nas últimas mobilizacións onde foi convidada de malos modos a abandonar as últimas protestas pacíficas do seu centro de traballo de San Caetano.  Non se emprega tanta dureza para perseguir a corrupción, por certo.

Comunidado de apoio da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais á folga de Xustiza

Segue a folga de Xustiza e a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta vén de aprobar por unanimidade do seu pleno un comunicado de apoio. 

O dito órgano de representación entende as reivindicacións das compañeiras e compañeiros de Xustiza como lexímitas e xustas e compatibles coas do persoal que a dita xunta de persoal representa, así como na defensa duns servizos públicos galegos de calidade con suficiente dotación de persoal, anunciando mesmo a extensión das mobilizacións á Administración autonómica.

Na sesión plenaria do 14 de Febreiro de 2018 este órgano aprobou o seguinte comunicado:

mércores, 14 de febreiro de 2018

A EGAP convoca 171 cursos destinados ao persoal da Administración autonómica: só 5 solicitudes

A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 14 de febreiro un total de 171 actividades formativas e 6142 prazas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Serán obxecto dunha convocatoria extraordinaria aqueles cursos que rexistren maior número de solicitudes. 

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 do 15 de febreiro de 2018 e ata as 23.55 horas do 26 de febreiro de 2018. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

martes, 13 de febreiro de 2018

Reunións "secretas" entre Función Pública e os sindicatos asinantes da estabilización

Segundo a información que envían desde algún dos sindicatos asinantes do Acordo de estabilización, estes tiveron unha xuntanza con Función Pública, da que só un destes dá información, e na que distribuiu a primeira listaxe de postos de traballo que entran dentro dos requisitos do dito acordo.

Dende a CIG denunciamos este tipo de reunións "secretas" e xa puxemos en mans da nosa Asesoría Xurídica esta cuestión. Para maior conculcación dos dereitos de representación e negociación colectiva, non só non se nos convoca, nin se nos da información, senón que mesmo se nos prohibe o acceso ao buzón de postos.

Se asine ou non un acordo, a CIG, como sindicato maioritario no ámbito da Función Pública galega, ten que estar presente para que estas non sexan reunións ocultas e para que non se vulnere o establecido no Título III do EBEP, e VII da LEPG, así como o V Convenio Colectivo e toda a normativa laboral.

luns, 12 de febreiro de 2018

Continúa a folga no sector de Xustiza ao pechar sen acordo a xuntanza celebrada este luns

Mantéñense as mobilizacións previstas para os vindeiros días


A xuntanza celebrada este luns entre o comité de folga de Xustiza e os Directores e subdirectores de Función Pública e Xustiza rematou sen acordo. Continúa así a folga indefinida e mantéñense as mobilizacións convocadas para os vindeiros días, nomeadamente as manifestacións que están previstas para o vindeiro xoves nas distintas cidades galegas, e as asembleas nas que o comité de folga explicará en que consistiu a xuntanza.

Consolídase a folga indefinida na xustiza, que na terceira xornada chega ao 95% do seguimento


A terceira xornada de folga indefinida na xustiza está a seguir a tónica dos días anteriores: seguimento do 95% do persoal, centos de xuízos e procesos suspendidos, traballadoras e traballadores reiterando as súas demandas nas diferentes accións de protestas e unha Xunta desaparecida, que só fai acto de presenza a través dos medios de comunicación para repetir coma un 'mantra' que presentou unha "oferta xenerosa" que o persoal tivo a 'ousadía' de rexeitar.

venres, 9 de febreiro de 2018

Modificación da xornada dos días 13 e 14 de febreiro de 2018

Tal e como todos os anos, saca a Xunta, cun par de días hábiles de antelación, a tradicional resolución anual de modificación de xornada para martes e mércores de entroido (festivo local en moitos concellos).

En teoría, a dita modificación está dirixida a todas as empregados e empregadas públicas da Administración xeral e consiste nunha redución de xornada de 1:15 á partires das 14:00h o martes e de 1:15h ata as 9:00h do mércores. A esta redución habería que aplicarlle as peculiaridades do réxime de flexibilidade horaria tal e como figura no comunicado da Dirección Xeral da Función Pública.

Aínda que non indica nada na comunicación, e dado o contido desta, enténdese que esta modificación só opera para o persoal que teña horario de réxime xeral, con ou sen algún tipo de flexibilidade horaria. Así pois, non se lle aplica ao persoal con réxime de quendas, ao que como no caso do horario de verán, non se lle compensa de ningún xeito esta redución horaria, sufrindo un claro prexuízo.

xoves, 8 de febreiro de 2018

Bono social eléctrico

Desde a CIG defendemos que Galiza debería gozar dunha tarifa eléctrica propia que compensara o grande impacto que sufrimos pola produción de enerxía eléctrica no noso país. Con ese obxectivo presentamos unha Iniciativa Lexislativa Popular que foi admitida polo Parlamento Galego, pero apagada durante a súa tramitación polo Partido Popular

Esa decisión política privounos de ferramentas que nos permitirían gozar dunha tarifa eléctrica máis xusta, motivo polo que consideramos oportuno por en coñecemento da nosa afiliación outros mecanismos, aínda que insuficientes,  permitan a certos colectivos un desconto no prezo da enerxía eléctrica.

Borradores de convocatorias de procesos selectivos das escalas de Finanzas: 16 prazas

Achéganos a Dirección Xeral de Función Pública os borradores das seguintes convocatorias de procesos selectivos:
As dúas corresponden á Oferta de Emprego Público do ano 2015 (estamos en 2018).

Temos de prazo para presentar alegacións ata o día 14 de febreiro.

mércores, 7 de febreiro de 2018

A folga indefinida na Xustiza galega arrinca cun seguimento do 90%

O persoal mobilizouse nos diferentes xulgados para visibilizar o conflito


A administración de Xustiza de Galiza encara dende este mércores 7 de febreiro unha convocatoria de folga indefinida para esixir a fin das discriminacións laborais que padece o persoal e a recuperación do emprego destruído nos últimos anos. A pesar dos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, a primeira xornada deste paro -que se suma ás tres xornadas de folga anteriores no sector- está tendo un seguimento de arredor do 90% no conxunto do país.

xoves, 1 de febreiro de 2018

Manifestación nacional en defensa da Sanidade Pública: 4 de febreiro

O domingo 4 de febreiro, SOS Sanidade Pública, da que forma parte a CIG, ten convocada unha MANIFESTACIÓN NACIONAL en defensa da Sanidade Pública e contra a nova Lei galega de saúde. A manifestación sairá ás 12:00 h. da Alemeda de Santiago de Compostela.

NON A ESTA LEI DE SAÚDE
  • O Partido Popular e o Presidente Feijoo aprobaron a reforma da Lei de Saúde para consolidar a privatización da sanidade pública e incrementar o negocio das empresas privadas a costa da nosa saúde.
     
  • Unha Lei que afasta a sanidade do lugar de residencia das persoas.

Campaña de vixilancia da saúde 2018 para persoal da Administración Xeral da Xunta de Galiza

Comeza a campaña de vixilancia da saúde para o ano 2018 para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza


No DOG do día 1 de febreiro publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. Con carácter xeral, o prazo de inscrición rematará transcorridos 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG (prazo de inscrición entre os días 2 de fecreiro e o 3 de marzo).